A Consellería de Educación pagou xa as axudas á compra de libros de texto de arredor de 26.500 escolares

A 'Gratuidade Solidaria' foi solicitada por máis de 55.300 alumnas e alumnos de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e Educación Especial

Mar, 21/09/2010 - 11:59

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, anunciou hoxe no Parlamento que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pagou xa arredor de 26.500 solicitudes de axudas para a compra de libros de texto.

Así, e xestionadas case a metade das máis de 55.300 solicitudes de alumnas e alumnos de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e Educación Especial recibidas este curso; “o importe pagado en concepto de  axudas á compra de libros de texto dentro do Programa de Gratuidade Solidaria supera os catro millóns de euros, practicamente a metade da partida destinada a este fin”, explicou o director xeral.

Ademais, outros 16.400 escolares solicitaron a liña de axudas habilitada pola Consellería para a adquisición de libros de texto de aquelas materias que cambian de idioma por aplicación do Decreto do Plurilingüismo en 3º e 4º de Primaria e na ESO. O prazo para pedir estas bolsas estará aberto ata finais deste mes de setembro, tal e como explicou José Manuel Pinal, e o sistema de xestión será o mesmo que o utilizado este ano para a 'Gratuidade Solidaria'.

Un modelo máis áxil

Respecto do sistema de tramitación, que a Consellería mellorou este ano, o director xeral de Centros manifestou a súa satisfacción polo seu funcionamento tras as novidades introducidas neste curso, grazas ás que as familias non teñen que adiantar o diñeiro na adquisición dos libros de texto e do material. Ademais, a introdución de datos é máis doada e áxil para os equipos dos centros, xa que son establecementos e librerías os que tramitan de xeito agrupado as facturas que serán aboadas pola Administración educativa.

Así, despois de que as familias presentaran nos centros unha solicitude por cada fillo, os responsables dos centros introducíronas a solicitude no sistema. Unha vez validados os datos, o centro xera un vale identificado cun código de barras por cada alumno beneficiado da axuda, que se entrega ao solicitante e serve para recoller os libros e o material no establecemento que libremente escollan.

Unha vez entregados os libros e material escolar ao solicitante, o establecemento dispón do correspondentes vales, que lle permite a elaboración da factura que está a presentar, agrupando varias, ante a Xefatura Territorial da Consellería.

Desta forma, "conseguimos que a adquisición dos libros sexa máis áxil e eficaz para as familias; e estamos a reducir todo o posible o traballo que teñen que facer desde os centros", dixo o director xeral.

Ademais, a xestión estase a facer cos propios medios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, "sen chegar a desembolsar 430.000 euros para contratar unha empresa que xestionara o modelo, tal e como fixo o bipartito". Deste xeito, e grazas á eficiencia do novo modelo respecto do do anterior goberno, conseguiuse un aforro "que equivalería a dispoñer de recursos suficientes para poder ofrecer axudas para libros de texto a preto de 3.000 familias" , destacou Pinal.

Eficiencia e transparencia

Neste mesmo sentido, o director xeral de Centros lembrou a necesidade de xestionar coa maior transparencia e rigor os recursos públicos. Así explicou que, froito do control e da verificación de datos tributarios realizada sobre os beneficiarios da 'Gratuidade Solidaria' durante o curso pasado, a Administración foi quen de detectar algunhas inexactitudes ou erros nun 2% das axudas concedidas no curso 2009-2010.

Unha vez requirida a información sobre a renda do 2008 e cotexados os datos, xa en período voluntario foron reintegrados 46.000 euros, "e a Consellería continúa co correspondente procedemento administrativo co resto de solicitudes que conteñen algún tipo de discrepancia".

Cos datos presentados hoxe diante da Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, o director xeral de Centros reafirmou o carácter "máis solidario, máis xusto e máis pedagóxico" do modelo de axudas á adquisición dos libros de texto posto en marcha pola Consellería; e que, tras a mellora este curso da tramitación facilita o proceso ás familias e ao conxunto da comunidade educativa.