Cultura e Educación convoca 50 prazas para que o profesorado de FP realice estadías formativas en empresas no curso 2015
A oferta permitirá aos docentes mellorar as súas competencias profesionais e redundará nunha maior calidade do sistema educativo galego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca un total de 50 prazas neste ano para que os docentes de Formación Profesional realicen estadías formativas en empresas e institucións. Esta convocatoria –que conta cun orzamento de 72.000 euros- permitirá ao profesorado mellorar as súas competencias profesionais e actualizalas acorde ás demandas reais do tecido produtivo, o que redundará nunha maior calidade do sistema educativo galego.
A oferta está dirixida a profesorado dos corpos e das especialidades vinculadas ás ensinanzas de formación profesional inicial e está estruturada en tres modalidades. A primeira delas conta con 20 prazas (un 25% máis que na anterior convocatoria) en empresas radicadas en Galicia e que, á proposta da Consellería, se acolleron a este programa. Neste apartado figuran institucións e empresas do ámbito sanitario, da automoción, da enerxía, do naval e da comunicación. As 30 prazas restantes son para estadías en institucións e empresas propostas polos interesados, ben radicadas en Galicia, ben radicadas no resto do Estado ou de países da Unión Europea. No caso das dúas primeiras modalidades cómpre subliñar que é posible grazas á significativa colaboración das empresas galegas e o seu compromiso coa formación profesional.
Tal como establece a convocatoria, con carácter xeral, poden realizarse estadías formativas entre o 15 de abril e o 11 de setembro deste ano, agás durante o mes de agosto. A duración de cada estadía será de 40 horas como mínimo e de 160 horas como máximo. Respecto á dotación económica, a contía máxima que poida percibir o profesorado que realice unha estadía formativa poderá acadar os 1.300 euros para o caso das dúas primeiras modalidades, e os 2.000 euros para quen fagan a súa formación no resto do estado ou doutros países da Unión Europea.