A Consellería de Cultura e Educación colabora coa 1ª Semana Cultural Convergências Portugal/Galiza, que se celebrará en Braga do 23 ao 28 de febreiro
O secretario xeral de Política Lingüística presentou esta mañá o programa na Cidade da Cultura de Galicia
A música e a literatura galegas chegarán a Braga da man de Uxía, Narf e Anxo Angueira coincidindo co 178º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro
Esta colaboración con Canto D’Aqui, co Municipio de Braga e coa Junta de Frêguesia de S. Vicente enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove as relacións cos países de fala portuguesa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística co Grupo Canto D’Aqui, co Municipio de Braga e mais coa Junta de Frêguesia de S. Vicente na 1ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza, que se celebrará a vindeira semana na cidade portuguesa de Braga, coincidindo co 178º aniversario de Rosalía de Castro. A colaboración enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove as relacións cos países de fala portuguesa.
Segundo sinalou o secretario xeral “Galicia estará representada no envento por tres grandes embaixadores da música, da cultura e da lingua galegas, da man dos que chegará a Braga a escritora máis internacional das nosas letras, Rosalía de Castro”.
García Gómez estivo acompañado por Jaime Torres, representante do grupo de música tradicional portuguesa Canto D’Aqui; polos músicos Uxía e Narf; e mais polo escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
‘1ª Semana Cultural Convergências Portugal/Galiza’
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora nesta 1ª Semana Cultural Convergências Portugal/Galiza, que se celebrará en Braga do 23 ao 28 de febreiro, coincidindo coa semana do Día de Rosalía de Castro. En representación de Galicia, acudirán en diferentes xornadas os músicos Uxía e Narf e mais o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Tamén tomarán parte nas xornadas o director do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, Pedro Dono, e o profesor-lector de lingua, literatura e cultura galegas, Fernando Groba.
Canto á presenza galega, a semana cultural abrirase o luns 23 de febreiro cun tributo a José Afonso no Conservatorio Calouste Gulbenkian Braga, que contará coa participación de Uxía. O martes 24, Día de Rosalía de Castro, homenaxearase por partida dobre a escritora en dous actos musicais que chegarán tamén da man de Uxía. No primeiro deles, que se celebrará pola mañá, presentarase o proxecto Rosalía Pequeniña e no outro, ao serán, a artista galega estará acompañada por Narf e polo grupo de música tradicional portuguesa Canto D’Aqui. Ambos os dous terán lugar na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva.
Para o xoves 26, ao serán, a semana cultural ofrece un coloquio tertulia con momentos musicais que contará coa participación do profesor, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira. O programa completo está dispoñible en http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/semana_convergencia.pdf.
Encontros coa cultura galega: música e literatura, na Universidade do Minho
Uxía e Anxo Angueira ofrecerán tamén cadanseu encontro no Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, na que a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia conta cun lectorado de lingua, literatura e cultura galegas.
O 24 de febreiro será a quenda de Uxía, que falará sobre a “Historia da música galega, de Voces Ceibes á actualidade”; mentres que Anxo Angueira ofrecerá o 26 de febreiro a conferencia-recital “Historia da literatura galega contemporánea”. Ambas as dúas sesións terán lugar ás 16:00 horas no Auditorio do Instituto de Letras e Ciencias Humanas (ILCH) da Universidade do Minho, no Campus de Gualtar.
Impulso á proxección internacional do galego desde o ámbito lusófono
Tras a entrada en vigor, en marzo de 2014, da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía -a coñecida como Lei Paz-Andrade aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular avalada por 17000 sinaturas-, que ten como obxectivo aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, a Xunta de Galicia contempla na súa axenda de traballo accións estratéxicas de promoción das relacións cos países de fala portuguesa.
Estas accións reforzan outras postas en marcha previamente pola Administración autonómica para impulsar a proxección internacional do galego desde o ámbito lusófono, como as que posibilitan o achegamento á lingua e á cultura galegas desde os sete centros de estudos galegos cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia en Portugal (nas universidades do Algarve, do Minho e de Lisboa) e no Brasil (nas universidades de San Paulo, de Bahia, de Niterói e do Río de Xaneiro), respectivamente.