O CGAI lembra esta semana a figura de Gregory J. Markopoulos a través dunha antoloxía do seu cinema experimental
O ciclo ‘Film as Film’ chega á Coruña grazas á colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe cunha extensa rede de centros artísticos e filmotecas para revisar a obra deste cineasta, considerado un dos máis innovadores do seu tempo
A retrospectiva desenvolverase do mércores 18 ao venres 20 por medio de catro sesións que ofrecen as claves da súa poética fílmica e que serán introducidas por Miguel Blanco crítico da revista Lumiére
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa esta semana unha antoloxía de Gregory J. Markopoulos, cualificado como un dos cineastas experimentais máis destacados e innovadores da súa xeración. A través das catro sesións que se desenvolverán entre o mércores 18 e o venres 20, o CGAI únese a unha extensa rede de colaboración entre diferentes centros artísticos e filmotecas para revisar a obra deste artista estadounidense, fillo de emigrantes gregos, co gallo da publicación dos seus escritos no volume ‘Film as Film: The Collected Writings of Gregory J. Markopoulos’.
O editor desta publicación, o programador independente Mark Webber, define a Gregory J. Markopulos (1928-1992) como o autor dunha das “poéticas fílmicas máis subxectivas e alegóricas no cine experimental de posguerra”, na que xunta experimentación formal e mitoloxía individual. O obxectivo deste ciclo é introducir o espectador nas claves desta poética “sensual e excesiva”, nas que “a identidade homosexual, o ritual iniciático e a alegoría orbitan arredor de complexas técnicas de edición e superposición espontánea de imaxes”.
Obxecto de culto
Contemporáneo de Kenneth Anger, Stan Brakhage ou Maya Deren, Markopulos contacta con Jean Cocteau durante as súas incesantes viaxes a Europa, onde se instala definitivamente en 1967 desenganado das posibilidades da vangarda de posguerra e escéptico diante do papel das institucións, o público e os circuítos do cinema experimental. É entón cando retira as súas películas da circulación e, en consecuencia, a súa obra convértese nun ansiado obxecto de culto.
Organizado en colaboración coa revista Lumière, The Visible Press, o Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, a Filmoteca de Catalunya, La Casa Encendida de Madrid e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, este ciclo arrancará na Coruña o mércores 18, ás 20.30 horas, cunha sesión durante a que se proxectará ‘Psyche’ (1947), a súa primeira película en 16 milímetros, xunto con outras dúas fitas desta época, durante a que comeza a construír un espazo fílmico propio: ‘Lysys’ e ‘Charmides’.
Tanto esta como o resto das sesións serán introducidas por Miguel Blanco, crítico da revista Lumière. A segunda delas, programada para o xoves 19 ás 20.30 horas, reúne dúas obras –‘Bliss’ (1967) e ‘Gammelion’ (1968)–, que son o resultado da visita de Markopoulos á capela bizantina de San Xoán Bautista, na illa grega de Hidra, e ao castelo italiano de Roccasinibalda, a partir de varias limitacións: temporais (un ou dous días de rodaxe), materiais (dúas bobinas en cada caso) e luminosas (só luz natural).
A xornada do venres dará comezo ás 18.00 horas con varias series de retratos, realizados entre 1967 e 1975, e que inclúen os traballos ‘Trough a Lens Brightly’ sobre o pintor e poeta Mark Turbyfill; ‘Political Portraits’, onde filma a De Chirico ou Nureyev; ‘The Olympian’, co escritor italiano Alberto Moravia, e ‘Gibraltar’, dedicada aos artistas británicos Gilbert & George.
‘The Illiac Passion’
O ciclo rematará ás 20.30 horas coa proxección de ‘The Illiac Passion’, un dos seus traballos máis celebrados, onde retoma un dos seus temas recorrentes: o mito fundacional grego. Desta volta, ofrece unha reinterpretación visionaria do ‘Prometeu encadeado’ de Esquilo, protagonizada por algún dos nomes míticos da escena ‘underground’ neoiorquina dos anos sesenta, como Andy Warhol, Jack Smith, Taylor Mead, Gerard Malanga ou Paul Swan, entre outros.
Para complementar este achegamento á figura de Gregory J. Markopoulos, o CGAI exhibiu a semana pasada dentro da súa sección Desencadres tres filmes do seu compañeiro, Robert Beavers, quen continúa a manter o proxecto Temenos como espazo dedicado á conservación e promoción das obras fílmicas de ambos os artistas.
O calendario detallado coas datas e horarios das diferentes sesións, así como a información sobre prezos e venda de entradas, pode consultarse na web www.cgai.org.