A Fundación Camilo José Cela conmemora os 20 anos da concesión do premio Cervantes ao escritor, coa mostra ‘Amo a palabra’

A partires do día 18 a entidade pública galega con sede en Iria Flavia amplía o seu horario de apertura, que será de martes a sábado de mañá e de tarde

Sáb, 14/02/2015 - 09:46

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, inaugura a súa tempada de exposicións o vindeiro día 18 cunha mostra conmemorativa do XX aniversario da concesión do premio Cervantes a Camilo José Cela, premio Cervantes 1995, titulada “Amo a palabra”. 

Nesta exposición, a Fundación fai un repaso aos 38 galardoados con este premio dende a súa primeira edición en 1976, amosando ao público elementos pertencentes ao inxente legado doado polo escritor e que atesoura a institución padronesa tales coma libros dedicados, cartas, fotografías, discursos de ingreso na Real Academia de la Lengua, separatas das colaboracións de moitos destes autores na revista de creación literaria fundada e dirixida por Cela ‘Papeles de Son Armadans (1956-1979)’, etc., elementos que conforman unha nova mostra do devir cultural do escritor e da súa intensa relación con outros escritores.

Aberta ata o 23 de abril

Dende Jorge Guillén a Juan Goytisolo pasando por por Dámaso Alonso, Alberti, Torrente Ballester, María Zambrano, Ayala, Delibes, Jorge Edwards, Umbral, Gamoneda, Ana María Matute e Caballero Bonald, todos eles están presentes nesta exposición que pretende ser tamén unha homenaxe ao seu nexo común como é as letras e a palabra.

A exposición, que estará aberta ata o vindeiro 23 de abril, Día do libro, inaugura tamén o novo horario de servizo ao público da sede de Iria Flavia, que a partires de agora abrirá as súas portas de martes a sábado de 10 a 14 e de 16 a 19 horas.

As escolas interesadas en visitar esta mostra e na realización de talleres didácticos e/ou visitas dinamizadas, poden poñerse en contacto coa Fundación no enderezo electrónico visitas@fundacioncela.com no teléfono 981 81 24 25 ou consultar a programación escolar para este curso 2014-2015 no blog educativo da Fundación http://camilinojosesino.blogspot.com.es/

Concurso de Microrrelatos e o Ciclo de cine e Club de Lectura “Anagnósis

Ata o vindeiro 10 de marzo de 2015ás 23,59 horas continúa aberta  á participación para a IV edición do Concurso de Microrrelatos que organiza anualmente a Fundación dende o ano 2011 nas categoría de infantil, xuvenil e adultos en colaboración con El Corte Inglés.

Esta edición rende homenaxe a dun dos libros máis populares de Camilo José Cela, “Viaje a la Alcarria”, polo que todos os relatos deben comezar polas primeiras liñas desta maxistral obra: “El viajero está echado, boca arriba, sobre una chaise-longue forrada de cretona...”. Aqueles interesados en participar poden consultar as bases e como facelo na web do concurso http://microrrelatosfcjc.com/.

Asemade, a Fundación continúa coas súas actividades en colaboración co Concello de Padrón a través do Clube de Lectura “Anagnósis” no que este ano, e baixo o título “Cine e literatura: dúas linguaxes distintas, unha mesma emoción”, preténdense analizar catro novelas que foron levadas de forma maxistral á sétima arte. Tras a celebración das sesións do Club, a Fundación organiza no Paraninfo da Fundación un Ciclo de Cine aberto e gratuíto no que se proxectan as películas relacionadas con cada unha das obras.

Tras a proxección das películas ‘Soldados de Salamina’ de David Trueba e ‘La casa de los espíritus’ de de Bille August, nas próximas sesións do Ciclo de Cine proxectaranse as películas ‘Matar a un ruiseñor’ de Rober Mulligan (venres 6 de marzo) e ‘La casa de Bernarda Alba’, de Mario Camus (venres 17 de abril).

Menús News node R

Tema