A Xunta de Galicia pon en marcha a terceira edición de ‘Cultura no camiño’ nos concellos das rutas xacobeas

A Agadic e a Axencia Turismo de Galicia organizan este ciclo, que despregará a súa nova carteleira do 15 de abril ao 30 de setembro

As formacións artísticas interesadas en participar teñen de prazo ata o 23 de febreiro para achegar as súas propostas de espectáculos de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia

Esta iniciativa, xurdida como parte da programación conmemorativa do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, estendeuse o ano pasado a 81 municipios con máis de 320 actuacións de todos os estilos

Mér, 11/02/2015 - 13:25

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia Turismo de Galicia acaban de poñer en marcha a terceira edición do programa ‘Cultura no Camiño’, que terá lugar do 15 de abril ao 30 de setembro en concellos das diferentes rutas xacobeas. Xurdida como parte da programación conmemorativa do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, esta iniciativa chegou en 2014 ata 81 municipios das catro provincias a través dunha carteleira con máis de 320 actuacións escénicas e musicais de todos os estilos.

Nestes momentos mantense aberta a convocatoria para os concellos e as formacións artísticas interesadas en participar na nova entrega do programa, cuxa prioridade é incidir na descentralización xeográfica da oferta cultural galega como complemento ás carteleiras dos tres circuítos estables de distribución de espectáculos da Agadic: Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo e Rede Galega de Salas. O seu financiamento realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais inscritas, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada municipio.

Produción e distribución profesional

No caso das compañías escénicas e dos grupos musicais, o prazo de recepción de propostas esténdese ata o luns 23 de febreiro. O trámite realízase a través da web www.galescena.info, onde se poden rexistrar espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo e maxia, así como concertos musicais de todos os estilos, producidos e distribuídos de xeito profesional por empresas galegas.

Con todas as ofertas recibidas, a Agadic comporá o catálogo que se trasladará aos responsables da programación cultural dos concellos inscritos nesta terceira edición Cultura no Camiño. Eles serán os encargados de seleccionar os espectáculos e/ou concertos que se exhibirán nas súas respectivas localidades, cun mínimo de dúas actuacións por concello e a presenza de cando menos dúas disciplinas artísticas diferentes.

Menús News node R

Tema