‘Escenas do cambio’ inicia a súa segunda semana no Gaiás coa obra italiana ‘Untitled’, homenaxe artística aos malabares

A xornada do mañá arranca ás 17 horas coa mexicana ‘La máquina de la soledad’, unha homenaxe ao obxecto-carta e ao correo postal

Lola Arias trae por primeira vez a Europa o ciclo de conferencias performativas ‘Mis Documentos’, que a partir das 18:30 horas estará protagonizado por Sofía Medici e Tálata Rodríguez

‘Untitled_ I wil be there when you die’ de Alessandro Sciarroni ocupará ás 20:30 o escenario principal, unha práctica coreográfica e performativa que reflexiona sobre o paso do tempo a través duns actores que exploran a arte circense dos malabares

Mér, 11/02/2015 - 12:35
‘Escenas do cambio’ inicia a súa segunda semana no Gaiás coa obra italiana ‘Unti
‘Escenas do cambio’ inicia a súa segunda semana no Gaiás coa obra italiana ‘Untitled’, homenaxe artística aos malabares

‘Escenas do cambio’, o festival de teatro, danza e arte en acción promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Gaiás arranca a súa segunda semana ofrecéndolle ao público tres obras por día nas que destaca unha forte presenza de compañías latinoamericanas.

Mañá, xoves 12 de febreiro, o programa arranca ás 17 horas coa obra mexicana ‘La máquina de la soledad. Teatro de objetos documental’, de Oligor e Microscopía, unha poética homenaxe ao obxecto-carta e ao correo postal. A obra, que terá un pase por día ata o 14 de febreiro, é un espazo de “micro-paisaxes e inventarios do ínfimo” que recupera correspondencia entre México e España a través dunha arqueoloxía de obxectos, imaxes e anécdotas insólitas investigadas por escribáns, carteiros xubilados, arquivos e traballadores de correos.

Novidade en Europa

Ás 18:30 horas, a arxentina Lola Arias presenta por primeira vez en Europa o seu ciclo de conferencias performativas ‘Mis documentos’, onde artistas de distintas disciplinas presentan unha investigación persoal, unha experiencia radical, unha historia que os obsesiona secretamente. ‘Mis documentos’ é un ciclo cun formato mínimo: o artista en escena cos seus documentos, unha forma de facer visibles esas investigacións que ás veces se perden nunha carpeta sen nome no ordenador.

Para a súa estrea en Europa, Lola Arias convidou a seis artistas, dúas arxentinas e catro galegos, para ser os protagonistas desta indagación persoal. A primeira función ‘Mis Documentos’ correrá a cargo das arxentinas Sofía Medicci e Tálata Rodríguez. Así, Medicci presentará ‘Traducción simultánea’, onde nos ofrecerá, a través de imaxes e vídeos, o proceso de investigación para realizar unha performance e as ideas erradas en relación a súa representación. E Tálata Rodríguez estará con ‘Padre postal’, onde reflexiona sobre a relación co seu pai a través do contacto mantido entre 1989 e 2002.

A última das propostas para este xoves será a italiana ‘UNTITLED_I will be there when you die’ de Alessandro Sciarrioni, unha práctica coreográfica e performativa sobre o paso do tempo que nace dunha reflexión sobre a arte dos malabares.  A obra representa o segundo capítulo dun proxecto máis amplo chamado ‘Will you still love me tomorrow?’, unha investigación sobre os conceptos de tensión, perseverancia e resistencia.

Entradas a 8 euros

As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros, a excepción das función de ‘Mis Documentos’, que teñen entrada de balde previa retirada de invitación no mostrador do Museo Centro Gaiás (máximo 2 por persoa).

‘Escenas do cambio’ ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.

Menús News node R

Tema