O director xeral de Centros e Recursos Humanos asiste á inauguración do curso escolar en Pontevedra
Na xornada de hoxe comezan o curso preto de corenta e cinco mil alumnas e alumnos de Educación Secundaria e Bacharelato na provincia pontevedresa
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, asistiu hoxe ao acto de comezo de curso que se celebrou no IES Frei Martín Sarmiento, en Pontevedra.
Durante a súa intervención o representante da Consellería de Educación destacou que “todos comezamos un novo ano escolar no que se presentan grandes retos para toda a comunidade educativa, pero tamén grandes oportunidades”.
O director xeral de centros destacou que “os docentes non só temos que velar para que os alumnos e alumnas adquiran competencias sólidas en temas esenciais, senón tamén para que cheguen a ser cidadáns responsables quen de tomar decisións ben fundadas en todos os ámbitos da súa vida e no marco dunha sociedade marcada pola presenza das novas tecnoloxías”.
Por outra banda destacar entre as novidades deste ano o comezo do Proxecto Abalar e o primeiro ano do Plan Galego de Potenciación das Lingua Estranxeiras, no que participan 52 centros da comunidade, e resaltou que “o contacto directo coas novas tecnoloxías, e con outras linguas formándonos no día a día e de cara ao futuro. Un dos principais obxectivos para o presente curso é que as tecnoloxías da información e da comunicación xa formen parte cotián e inseparable dos programas de estudo e de aprendizaxe desde as máis curtas idades”.
Tras a intervención, o director xeral de Centros presenciou unha actuación musical coa que se daba por comezado o curso escolar para os 3.200 estudantes de Secundaria e os 1.683 de Bacharelato da cidade do Lérez. Do mesmo xeito, comezaron hoxe as clases 33.151 e 11.286 rapaces nas mesmas etapas educativas, respectivas, no resto da provincia