O conselleiro de Educación comproba o resultado das obras realizadas no CPI Virxe da Saleta en San Cristovo de Cea
Xesús Vázquez Abad percorreu as instalacións reparadas tras o incendio intencionado acontecido o pasado 31 de agosto
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, percorreu as instalacións do CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea. Acompañado polo director do centro e pola xefa territorial de Educación en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, deu conta do resultado das obras de reparación realizadas tras o incendio intencionado do pasado 31 de agosto.
O conselleiro recorreu as instalacións do centro dando conta da axilidade coa que realizaron as obras de reparación, xa que en tán só 14 días o CPI recuperou a total normalidade. Educación ven de realizar un investimento de 204.647,60 euros destinados a arranxar os danos ocasionados polo lume intencionado. As lapas afectaron principalmente á zona administrativa e ao tendido eléctrico. Do mesmo xeito foi preciso repintar o edifico e repoñer gran parte do material docente.
Ademais neste breve espazo de tempo tamén se realizaron as reparacións necesarias para o acondicionamento do edificio escolar de modo que se retiraron os escombros e foron traslados a un vertedoiro autorizado. Asemade realizouse a limpeza de teitos, paredes, pavimentos e mobiliario aproveitables; e fíxose a reposición da instalación eléctrica, luminaria e rede de voz e datos e megafonía.
Tamén se desenvolveron labores de carpintería interior de madeira e exterior de aluminio, instalación de radiadores de calefacción, tuberías, falso teito de escaiola desmontable, e colocouse unha nova alarma. Xunta a todo isto pintouse o interior e rematouse a carpintería de madeira; e, por último, traslado de mobiliario de aulas e demais dependencias para a súa limpeza e posterior colocación.
Durante a súa visita o conselleiro destacou o esforzo de todo o persoal do centros nas labores desenvolvidas para recuperar a absoluta normalidade. Pola súa banda os representantes do CPI transmitíronlle a Vázquez Abad a súa satisfacción pola velocidade coa que desde a administración se realizou todo o proceso para que as obras de reparación se realizaran nun brevísimo espazo de tempo e que permitira comezar as clases de todos os ciclos educativos con normalidade.
Primeiro día de curso en Secundaria
Durante a visita Vázquez Abad estivo a falar con algún dos 69 estudantes de Secundaria que hoxe comezaron as clases. Estes engádense ás 109 alumnas e alumnos de infantil e primaria que comezaron o curso o pasado 10 de setembro e que grazas ao esforzo de todos non se viron afectados polas consecuencias das consecuencias do incendio.