A Consellería de Cultura e Educación realizará un forte investimento, de preto de 129.000 euros, na restauración da igrexa de San Martiño de Cores, en Ponteceso

Está previsto que as obras rematen antes do mes de maio

Sáb, 07/02/2015 - 11:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou xa as obras de restauración da igrexa de San Martiño de Cores, na localidade coruñesa de Ponteceso, nas que investirá 128.921,35 euros e que está previsto que rematen antes do mes de maio. Estas actuacións supoñen unha nova mostra do compromiso da Xunta de Galicia pola conservación do noso patrimonio cultural.

As intervencións contempladas no proxecto, que supoñen un forte investimento por parte da Consellería, teñen como obxectivo restauración do templo, actuando sobre diversos elementos do mesmo que se atopan en mal estado, tales como a cuberta, as fachadas, a torre, ou os paramentos interiores. Para iso substituirase a cubrición de tella e fibrocemento por unha placa de onduline rematada con tella curva. Ademais, limparase os paramentos, executaranse novos revestimentos e realizaranse diversos traballos de pintura, cosido de gretas, substitución de carpinterías en portas e ventás, das varandas do campanario e de restauración da campá e do pararraios. Así mesmo mudarase a totalidade da cuberta da casa reitoral.

Ademais incorporaranse novos elementos construtivos que melloren as condicións de conservación do ben, tales como unha drenaxe perimetral exterior ou un canlón. A reforma contempla tamén a reordenación da instalación eléctrica e outras pequenas actuacións relacionadas coa mellora das condicións de utilización da igrexa. Así mesmo, colocaranse bancos no adro.

De estilo barroco e datada no século XIII – con remodelación no XVIII-, a igrexa parroquial de San Martiño de Cores presenta planta de cruz latina cunha soa nave e fábrica de cantería de granito. No seu interior destaca o presbiterio, rico en molduras; os retablos do altar maior e capelas laterais; e as bóvedas; de feito sobre a da sancristía descubriuse unha ara romana invertida. A fachada, apóiase en catro grandes pilastras e remata en pináculos de pirámides; así como a torre do campanario o fai nun templete octogonal de catro arcos de medio punto e cupulón con molduras.

Menús News node R

Tema