A Consellería de Cultura e Educación colabora coa décimo oitava edición do Certame de Poesía Concello de Carral

O secretario xeral de Cultura participou hoxe na presentación das bases do premio, dotado con 2.000 euros e a publicación da obra gañadora en Espiral Maior

Mar, 03/02/2015 - 14:17
 A Consellería de Cultura e Educación colabora coa décimo oitava edición do Cert
A Consellería de Cultura e Educación colabora coa décimo oitava edición do Certame de Poesía Concello de Carral

O Concello de Carral convoca a décimo oitava edición do seu certame de poesía co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Política Lingüística de Cultura. O responsable deste departamento, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, participaron esta mañá na presentación das bases da nova edición, nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa da Cultura do concello coruñés e que tamén contou coa presenza do escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, de Espiral Maior.

“A promoción da creatividade no ámbito literario e en lingua galega é o obxectivo principal deste premio, e, con este motivo –dixo o secretario xeral de Cultura– o Goberno galego vén colaborando tamén con outros certames de referencia”. O Premio de Poesía Afundación, o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de Narrativa Breve de Repsol, o Gonzalo López Abente e o Ardeiro, ambos os dous tamén de poesía, ou o Certame de Relato Breve Nélida Piñón, posto en marcha en 2014 coa colaboración do Concello de Cotobade e da Deputación de Pontevedra, son algúns dos premios que contan co apoio de Cultura e Educación.

Dinamización da cultura desde o ámbito local

Tamén se referiu o titular de Cultura ao importante labor que veñen realizando os concellos coa dinamización da cultura galega. “O papel que vén desenvolvendo a Administración local é esencial para promover a literatura galega e a nosa cultura en xeral nas catro provincias”, afirmou. “Por iso me parece de xustiza expresar unha vez máis o noso recoñecemento a todos os concellos implicados coa dinamización cultural e que apostan, na medida das súas posibilidades, por favorecer o acceso á cultura de toda a cidadanía”, concluíu.

O XVIII Certame de Poesía de Carral está dotado cun premio de 2.000 euros e coa publicación da obra gañadora na colección de poesía da Edicións Espiral Maior. As persoas interesadas en participar nesta nova edición poden remitir as súas obras, cun mínimo de 500 versos, á Biblioteca Pública Municipal de Carral. O prazo de admisión de orixinais estará aberto desde hoxe, 3 de febreiro, ata o 10 de abril de 2015.

O libro coa obra gañadora da pasada edición, ‘O que precede a caída é branco’, de Oriana Méndez, presentarase nun acto público o vindeiro 29 de maio.

Traxectoria do certame

O Premio de Poesía Concello de Carral iniciou a súa andaina en 1997 e hoxe constitúe un dos certames literarios máis prestixiosos de Galicia, dotado con 2.000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Espiral Maior.

No marco deste certame poético saíron do prelo, desde o ano 1997, as obras ‘Camiño de píntegas’ (1997), de Fernando Díaz-Castroverde; ‘Atlántida’ (1998), de Rafael Lema; ‘Días de Sherezade’ (1999), de Rafa Villar; ‘Epiderme de estío’ (2000), de Lucía Novás; ‘A árbore da cegueira’ (2001), de Baldo Ramos; ‘Derrotas’ (2002), de Eduardo Estévez; ‘Breviario de Aldemunde’ (2004), de Xurxo Alonso; ‘Cartas do terceiro día’ (2005), de Marcos S. Calveiro; ‘Esteiro de noites falecidas’ (2006), de Isidro Novo; ‘Nadja c’est moi’ (2007), de Xosé Luís Mosquera Camba; ‘Gramática da afirmación’ (2008), de Paulino Peña; ‘Nós escoitando o badalo en Marienplatz’ (2009), de Eli Ríos; ‘As crebas’ (2010), de Miro Villar; ‘Libro das mentiras’ (2011), de Enma Pedreira, ‘Teatro’ (2012), de Roi Vidal Ponte, e ‘Cronoloxía da urxencia’ (2013), de Dores Tembrás.

Menús News node R

Tema