A Xunta de Galicia comparte a vontade expresada pola RAG de garantir o futuro da lingua e aposta por manter o seu compromiso para crear actitudes positivas cara ao galego

A política lingüística da Xunta parte da convicción de que o galego é útil en calquera ámbito e para o desempeño de todas as funcións sociais

Ven, 30/01/2015 - 18:03

A Xunta de Galicia comparte a vontade expresada na declaración institucional dada a coñecer hoxe pola Real Academia Galega (RAG) de garantir o futuro da lingua propia de Galicia e aposta por manter o seu compromiso para crear actitudes positivas cara ao galego. O Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo comparte de xeito maioritario o documento "O galego dá vida, pola vida do Galego" e aposta por manter un compromiso firme para crear actitudes positivas cara ao idioma. Do mesmo xeito, manifesta o máximo respecto polo traballo que en prol do galego fan as distintas institucións recordando que a política lingüística que está a realizar a Xunta de Galicia parte do convencemento de que a lingua é útil en calquera ámbito e para o desempeño de todas as funcións sociais.

Neste sentido, a Xunta considera que a RAG fixo hoxe unhas declaracións desde o exercicio da responsabilidade e de acordo cos seus principios fundacionais. Os 10 puntos nos que se articula o texto coinciden maioritariamente coa análise feita pola Administración autonómica respecto da situación do galego a partir dos datos que publicou recentemente o Instituto Galego de Estatística (IGE) e tamén coa necesidade de involucrar a toda a sociedade na mellora dos índices de uso como garantía do futuro da lingua.

A Xunta de Galicia recorda que está a desenvolver unha política lingüística baseada no deseño de medidas eficaces que induzan cambios lingüísticos no uso e na percepción do idioma propio, que contempla os cambios culturais, poboacionais e demográficos que tamén están na base dos resultados da enquisa do IGE, na que a cidadanía –do mesmo xeito que a RAG– constata melloras no coñecemento, na actitude e na percepción do uso do galego na sociedade.

Tal e así que, algúns dos datos que se poden tirar da enquisa son positivos. Destaca o feito de que o galego continúa a ser a lingua maioritaria de Galicia e de que se constata un cambio de tendencia en favor do galego nos índices de coñecemento oral e escrito. Cómpre sinalar ademais que esta enquisa acredita a ruptura coa tendencia de descenso de falantes de galego entre 5 e 14 anos −de 12 puntos− que se viña dando entre o 2003 e o 2008 e que no período 2008-2013 se cifra en 2 puntos.

O PXNLG e o decreto do plurilingüismo

En calquera caso, cómpre sinalar en relación a determinados aspectos da devandita declaración institucional que, no tocante á aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNLG), aprobado pola Cámara galega no 2004, o Executivo galego está a aplicar unha política lingüística destinada a darlle debido cumprimento e que o ten sempre como referencia.

Noutra orde de cousas, respecto do Decreto 79/2010 do Plurilingüismo, a Xunta de Galicia recorda que a propia enquisa do IGE rexistra un uso equilibrado do galego no ensino non universitario e que, ademais, as oito sentenzas do TSXG sobre esta norma contemplan que son legais o principio de equilibrio entre galego e castelán, a introdución do plurilingüismo e mais a participación e colaboración das familias nas decisións educativas.