Cultura e Educación e PSA Peugeot Citroën afondan na súa colaboración na formación de alumnado de FP coa dotación a centros educativos de material doado pola empresa
A automobilística puxo a disposición da Consellería 2 vehículos, 4 motores e unha caixa de cambios, que se repartirán en centros educativos de toda Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e PSA Peugeot Citroën acaban de dar un novo paso na colaboración que manteñen na formación de alumnado de FP, especialmente da familia profesional de Transporte e mantemento de vehículos, aínda que con conexións con outros ciclos formativos. Non en balde, a empresa situada en Vigo doou material procedente da súa fábrica, - 2 vehículo, 4 motores e 1 caixa de cambios- que se repartirán en centros de toda Galicia que imparten Formación Profesional.
En concreto, o IES Universidade Laboral de Ourense e o IES de Vilalonga (Sanxenxo) recibiran cadanseu vehículo C4 Picasso; mentres que o IES García Barbón (Verín), o CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, o IES Laxeiro (Lalín) e o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) serán os destinatarios dos 4 motores. A caixa de cambios será enviada ao IES Lois Peña Novo (Vilalba).
Cómpre salientar a importancia deste tipo de acordos entre as empresas e a administración educativa, dirixidas a mellorar as ferramentas e recursos coas que se forman os futuros técnicos e técnicos superiores. De feito, esta colaboración supón unha retroalimentación, na que a compañía está a investir na formación de persoas que nun futuro inmediato serán axentes fundamentais para o crecemento e innovación na súa industria en particular, e para o tecido empresarial galego en xeral.