O conselleiro de Cultura e Educación presentou no CMUS Manuel Quiroga o disco do 150 aniversario deste centro histórico
Coa edición desta gravación péchase a conmemoración “do centro regrado de ensinanzas musicais decano en Galicia”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe o disco conmemorativo do 150 aniversario da fundación do actual Conservatorio Profesional de Música ‘Manuel Quiroga’ de Pontevedra, do que se editaron 500 copias. O traballo recolle a obra gañadora, Follas Vellas, do compositor galego Saúl Chapela, vencedora no concurso de composición convocado en 2013 con motivo desta celebración, un certame dirixido ao alumnado matriculado en Conservatorios Profesionais e Superiores de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais, o CD inclúe tamén o ciclo para piano e voz Linguas a Rosalía, a partir dunha dobre efeméride: a do Conservatorio e a da publicación naquel mesmo ano de 1863 da primeira grande obra rosaliana, Cantares Gallegos. Este ciclo de cancións contou coa desinteresada colaboración dos compositores galegos Carlos Cambeiro, Luís Carro e José Luís Pedrosa, que puxeron música a tres coñecidos poemas do romanticismo, cuxa partitura foi editada grazas á Deputación Provincial de Pontevedra. Pecha o CD a gravación do Concerto en stilo antico de Manuel Quiroga, nunha interpretación da Orquestra Filharmónica de Pontevedra.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Radio Galega, financiou a gravación do total das 500 copias deste proxecto, das que 300 son para o compositor premiado.
O conselleiro Xesús Vázquez Abad explicou que “a participación do Concello, a Deputación e a Xunta de Galicia fan desta edición sonora un punto de encontro de institucións e persoas, pero tamén é unha homenaxe á tradición musical da cidade e do Conservatorio, e ao seu presente”.
Último elo na recuperación da memoria
A presentación deste disco supón o derradeiro banzo da conmemoración deste centro, fundado en febreiro de 1863 e dependente da Xunta de Galicia desde o curso 1991/1992, que conmemorou ao longo de 2013 o seu 150 aniversario. O obxectivo foi recuperar a memoria deste centro para o que o conservatorio levou a cabo, entre outras accións, unha publicación Del conservatorio Príncipe Don Alfonso al CMUS Manuel Quiroga, que recolle a súa historia desde a fundación. Ademais o centro organizou unha exposición da efeméride comisariada por Fernando Otero Urtaza, na que se amosaron fotografías, testemuños dos xornais, cartas e impresións que deron conta da existencia e evolución do conservatorio neste século e medio.