Política Lingüística inaugura os obradoiros dos Axóuxeres, unha actividade para reforzar o galego desde o ámbito familiar

Anxo Lorenzo incidiu na importancia da transmisión do galego de pais a fillos nunha das primeiras sesións organizadas hoxe na Coruña

Mér, 15/09/2010 - 18:30
Política Lingüística inaugura os obradoiros dos axóuxeres, unha actividade para
Política Lingüística inaugura os obradoiros dos axóuxeres, unha actividade para reforzar o galego desde o ámbito familiar

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, animou os pais e as nais a transmitirlles o galego aos seus fillos para revitalizar o idioma. Fíxoo na estrea dos Obradoiros dos Axóuxeres, unha iniciativa que comezou hoxe na Coruña e coa que Política Lingüística busca reforzar a lingua propia de Galicia desde o ámbito familiar.

A través deste pequeno curso, que combina masaxe infantil con palabras e arrolos tradicionais galegos, Política Lingüística “pretende darlles pautas e recursos ás familias para favorecer a incorporación do galego á comunicación entre pais, nais e bebés”, afirmou Anxo Lorenzo. “Ademais –engadiu– a través destes obradoiros queremos promover unha visión positiva, práctica e útil do galego, unha lingua que serve para comunicarnos, para gozar, para avanzar”.

Os Obradoiros dos Axóuxeres constitúen a nova actividade da cuarta edición dos Axóuxeres e con eles preténdeselles dar continuidade aos outros dous formatos deste programa de dinamización: as Festas e os Encontros dos Axóuxeres.

30 sesións nas sete cidades galegas

As tres primeiras sesións dos Obradoiros dos Axóuxeres comezaron esta tarde na Coruña no Centro Cívico de Labañou. Mañá realizaranse outras dúas sesións nesta mesma cidade, no Centro Cívico de Novo Mesoiro. O venres chegarán a Ferrol, ao Centro da Xuventude, e nas próximas semanas percorrerán o resto de cidades galegas cun total de 30 sesións.

Ademais, entre os meses de xaneiro e de febreiro,os Obradoiros dos Axóuxeres estarán en 12 vilas das catro provincias galegas para darlles continuidade aos Encontros.

Para poder participar nos Obradoiros dos Axóuxeres é necesario facer previamente a reserva chamando ao teléfono 630 230 338. As prazas son limitadas e a participación é gratuíta.

Recursos dos Axóuxeres para xogar na casa

Para achegar Os Axóuxeres a todas as familias galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon á súa disposición na rede os materiais deste programa de dinamización. Músicas, cantigas tradicionais, xogos e outros recursos poden conseguirse na propia web institucional da secretaría e mais nos enderezos electrónicos www.facebook.com/axouxeres e http://twitter.com/OsAxouxeres.   

Menús News node R

Colectivo