Cultura e Educación colabora co II Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico convocado pola Escola Superior de Arte Dramática
A través da Agadic, entregará como dotación do galardón un lote de cen libros sobre creación e investigación teatral
O premio ábrese na súa segunda edición a todos os interesados en participar, que teñen ata o 28 de febreiro para presentar os seus orixinais
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa segunda edición do Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico, convocado pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, mediante a entrega como dotación para o galardón dun cento de libros pertencentes ao fondo bibliográfico da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).
O Departamento de Normalización Lingüística da ESAD xunto á emisora Radio ECCA fundaron o pasado ano o Premio ‘Pegada’ como actividade docente entre o alumnado do centro, co obxectivo de impulsar a creación dramática en galego no formato radiofónico e contribuír á recuperación da radio-teatro como xénero. O gañador desa primeira convocatoria foi Ernesto Suárez Is, coa peza ‘Do material do que están feitos os soños’.
Na súa actual edición de 2015, o premio ábrese a todos os interesados e interesadas, que teñen ata o vindeiro 28 de febreiro para presentar as súas pezas. Os traballos candidatos deberán ser orixinais e inéditos e estar escritos en lingua galega. A temática é libre, aínda que non poderán presentarse adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático e estarán calculados para que a súa duración en antena sexa entre cinco e dez minutos.
A obra premiada interpretarase a xeito de lectura dramatizada e emitirase dentro do programa mensual divulgativo de Radio ECCA ‘A pegada do Eco’, coincidindo cos actos de conmemoración do Día Mundial do Teatro. Cara a este fin, os autores poderán utilizar cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc.
Entre os libros que a Consellería e Educación facilitará á ESAD para a dotación deste premio figuran tanto obras de creación dramática como estudos de investigación, de teoría e de práctica teatral, editados entre 1988 e 2013 a través de distintas coleccións, como son a Biblioteca de Teatro (Serie Grandes Manuais, Serie Manuais e Serie Breviarios), Biblioteca Dramática Galega, Barriga Verde, Escena Aberta, Centro Dramático Galego, Os libros do Centro Dramático Galego e Biblioteca Pillado Mayor.