A comisaria europea de Educación aplaude o Decreto do Plurilingüismo e amósase satisfeita pola política lingüística de Galicia
Androulla Vassiliou gabou o esforzo da Xunta por introducir o plurilingüismo no ensino non universitario galego
A comisaria europea de Educación, Cultura, Plurilingüismo e Xuventude, Androulla Vassiliou, amosouse “plenamente satisfeita” pola política lingüística que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Así llelo trasladou ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, durante a reunión que mantiveron hoxe en Bruxelas.
Androulla Vassiliou amosou un especial interese polo novo marco legal educativo, que difiniu como un modelo “ambicioso” e do que aplaudiu o “equilibrio” que establece para as dúas linguas oficiais de Galicia, segundo informou Xesús Vázquez ao remate da reunión. Pero, sobre todo, a comisaria europea salientou o esforzo do Goberno galego a prol da introdución do plurilingüismo no sistema educativo non universitario de Galicia, que se traduce en novas oportunidades para Galicia, non só en termos de educación, senón tamén desde un punto económico, comercial e laboral, xa que mellorará as posibilidades laborais dos estudantes.
Entrevista coa presidenta da Comisión de Cultura e Educación
Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo tamén aproveitaron a visita a Bruxelas para entrevistarse coa presidenta da Comisión de Cultura e Educación no Parlamento Europeo, Doris Pack, quen gabou as iniciativas da Xunta de Galicia a prol da “preservación da lingua galega dentro dunha sociedade plurilingüe, pero sen imposicións”, segundo declarou ao remate da reunión.
“Igual que sucedeu na reunión coa comisaria europea, o encontro con Doris Pack foi moi construtivo e saímos cunha impresión moi favorable”, afirmou Xesús Vázquez ao termo da entrevista. Doris Pack –engadiu o conselleiro– aplaudiu o Decreto 79/2010 e sinalou que o modelo que establece é unha forma positiva de promover o galego, pero, ao mesmo tempo, “sen pecharlles as portas a outras linguas”.
Finalmente, Doris Pack amosouse interesada polo desenvolvemento do sistema educativo na nosa comunidade, especialmente pola política do plurilingüismo nos centros de estudo, e púxoa “como exemplo a seguir por outras comunidades dentro e fóra de España”, declarou o conselleiro.
Ás reunións con Androulla Vassiliou e con Doris Pack tamén asistiron o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e tamén director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo Aller, así como o parlamentario europeo Francisco Millán Mon.
Promover o recoñecemento internacional do galego
A viaxe de traballo a Bruxelas do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e mais do secretario xeral de Política Lingüística responde a dous obxectivos prioritarios. Por unha banda, presentarlles as accións de goberno na política lingüística de Galicia aos máximos responsables europeos na materia, así como adiantarlles as liñas de actuación previstas para os próximos anos de lexislatura. Por outra banda, a Consellería de Educación busca activar o diálogo e a coordinación cos organismos europeos competentes en política lingüística e mais favorecer o recoñecemento internacional da lingua propia de GaIicia dentro do marco multicultural europeo.