A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 21,2%, ata os 200.000 euros a contía destinada a impulsar os clubs de lectura en centros educativos galegos

Un total de 228 centros educativos que desenvolven estes grupos de dinamización no marco das ensinanzas de secundaria, bacharelato, réxime especial e Formación Profesional beneficiaranse destas axudas, 19 máis ca no curso 2013/2014

Sáb, 10/01/2015 - 10:45
A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 21,2%, ata os 200.000 euros
A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 21,2%, ata os 200.000 euros a contía destinada a impulsar os clubs de lectura en centros educativos galegos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de resolver a convocatoria de axudas para incentivar o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos que acollen ensinanzas de secundaria, bacharelato, de réxime especial ou de Formación Profesional –tanto no réxime ordinario como no dirixido ás persoas adultas-. En total o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad destinou 200.000 euros ao impulso destes grupos de dinamización da lectura, o que supón un incremento do 21,2% respecto do curso anterior, investimento do que se beneficiarán 228 clubs de centros e institutos galegos, 19 máis ca no 2013/2014.

Entre os criterios de valoración dos proxectos presentados a Consellería prestou especial atención a aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que procuren contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa nosa lingua e literatura propias. Así mesmo, no caso dos centros que repitan a experiencia, valorouse a cualificación acadada polo centro na memoria do ano anterior.

As contías que reciban os centros dedicaranse, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar. Por provincias, na da Coruña resultarán beneficiarios 99 centros, mentres que na de Lugo serano 37, 24 na de Ourense, e 68 na de Pontevedra. A relación de clubs seleccionados pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/744 .

Grupos de dinamización da lectura

O obxectivo desta convocatoria de axudas é apoiar a creación de clubs de lectura nos centros educativos como grupos de dinamización en prol do hábito lector que favorecen a incorporación á lectura da mocidade máis reticente. Neste sentido cómpre sinalar que os clubs funcionan como espazos nos que os máis novos poden expresar as súas inquedanzas, debater cos outros arredor das mesmas e compartir emocións e opinións. Así mesmo, a apertura dos clubs a nais, pais e outros membros da comunidade educativa contribúen a crear no seu seo ambientes lectores cheos de riqueza e achegas de persoas de diferentes idades e intereses. Asemade, os clubs están a ser en moitos casos unha oportunidade para descubrir os novos soportes para a lectura dixital, espazos para a experimentación con dispositivos electrónicos e formatos como os booktrailers, os blogues e as redes sociais.

O éxito desta actividade de dinamización da lectura, entre outras das impulsadas pola Consellería teñen representado importantes avances na adquisición da competencia lectora por parte do alumnado galego. Non en balde, os máis recentes estudos neste eido (PISA 2012) indican que as mozas e mozos de Galicia presentan, con 499 puntos, un índice de competencia lectora superior á media europea - que se sitúa en 489 puntos- , á media española (488) e á media dos países da OCDE (496).

Ademais de favorecer este hábito entre o alumnado – e a comunidade educativa en xeral- os clubs de lectura son espazos para a aprendizaxe de competencias básicas na vida cotiá, educación cidadá, para o debate, a convivencia e o contacto coas novas tecnoloxías da información e a comunicación. As experiencias destes grupos quedan, en moitos casos, reflectidas en blogues que poden consultarse nos enlaces http://lerenmancomun.blogspot.com.es/ e http://librosaeito.blogspot.com.es/ .