A Consellería de Cultura e Educación convoca axudas para que os estudantes que cursen segundo ou posteriores cursos no Sistema Universitario de Galicia teñan a matrícula gratuíta
O prazo de solicitude da bolsa estará aberto ata o 16 de febreiro
Cómpre lembrar que o departamento educativo da Xunta acaba de conceder 177 bolsas para o inicio de estudos de grao e de mestrado, neste último caso para persoas en situación de desemprego
A iniciativa reforza a política de apoio aos estudantes universitarios que desenvolve o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar as axudas dirixidas aos estudantes que continúan estudos en 2º e posteriores cursos de titulacións de grao no Sistema Universitario de Galicia (SUG). O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 16 de febreiro. Os requerimentos, tanto académicos como os limiares de renda, poden consultarse na orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150109/AnuncioG0164-171214-0001_gl.html .
Cómpre lembrar que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad acaba de conceder 177 bolsas para o inicio de estudos de grao e de mestrado oficiais – no caso dos mestrados, dirixida a persoas desempregadas-, no marco da política de apoio aos estudantes universitario que desenvolve. A través destas convocatorias, grazas ás que o alumnado ten a matrícula de balde, a Xunta de Galicia garante a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores. De feito, o orzamento total disposto pola Consellería para estas tres diferentes axudas – inicio de estudos de grao, inicios de estudos de mestrados oficiais e continuación de estudos de grao- ascende a 800.000 euros, contía suficiente para atender a todas as solicitudes que se axustan aos criterios das ordes de convocatoria.
Obxectivo e requisitos
O obxectivo destas axudas é que as alumnas e alumnos matriculados en segundo e posteriores cursos nunha universidade do SUG no curso académico 2014-2015 poidan ter a matrícula de balde. Para iso, entre outros requisitos, terán que acreditar ter superado no curso 2013/2014 unha porcentaxe igual ou superior ao 60% dos créditos matriculados e menor ao 65% no caso dos estudos pertencentes á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura); e, nos estudos pertencentes ás ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, igual ou superior ao 80% e menor ao 90%. Neste sentido cómpre sinalar que os requisitos do Ministerio son maiores, xa que a súa convocatoria esixe ter superado máis dun 65% e 90% dos créditos en cada caso.
Poderán solicitar estas bolsas as persoas que continúen – en 2º ou posteriores cursos- ensinanzas universitarias conducentes aos títulos oficiais de Grao ou ensinanzas universitarias conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade do SUG; e que neste curso estean matriculados dun mínimo de 60 créditos agás o alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos que deberá de estar matriculado de 45 créditos como mínimo.