O curso escolar en infantil e primaria continúa con normalidade nas catro provincias galegas

Lun, 13/09/2010 - 15:00

O curso escolar galego en infantil e primaria continúa a descorrer con absoluta normalidade no segundo día de clases neste ano académico 2010-2011, con máis de 195.000 escolares nas aulas.

Así, na xornada de hoxe xa se incorporaron ás clases os estudantes do CEIP A Pedra, en Bueu (Pontevedra), tras realizarse os labores de limpeza precisas despois da obra realizada no centro por un valor de un millón douscentos mil euros na reposición das oficinas, aulas e espazos múltiples.

Do mesmo xeito, incorporouse o alumnado do CEIP O Coto, en Negreira (A Coruña) unha vez que o Concello rematou os labores de limpeza correspondentes tras as obras desenvolvidas no recinto escolar.

Provincia de Pontevedra

Por outra banda a Consellería recorda que o día 15 deste mes comezarán as clases os estudantes do CEIP A Rúa, en Cangas, aínda pendentes de que o Concello remate os traballos de limpeza correspondentes tras as obras desenvolvidas por Educación por valor de 400.000 euros para a ampliación do comedor e de dúas aulas.

Ademais, os estudantes de educación infantil do CPI Mondariz uniránse aos seus compañeiros de primaria o vindeiro luns, unha vez que se remate a construción dun novo aulario de educación infantil.

Na Coruña

Na provincia da Coruña, os estudantes do CEIP Pino de Val, en Mazaricos, comezaron as clases o pasado 10 de setembro, como marca o calendario, e o servizo de comedor comezará a funcionar mañá, unha vez rematadas todas as obras precisas neste espazo para que o alumnado teña xornada partida.

Ademais, no CEIP Mesón do Vento, en Ordes, as clases tamén comezaron o pasado venres e desde hoxe os estudantes xa dispoñen do servizo de comedor completamente normalizado.

Os matriculados no CEIP José María Lage, de Ortigueira, están pendentes das obras do Concello nunhas pistas de pádel, o cal non impediu que as portas do centro abriran con absoluta normalidade o pasado día 10. Do mesmo modo, os estudante do CRA Nosa Señora do Faro, en Ponteceso, tamén están pendentes das obras do Concello dependentes do Plan E que afectan a 4 escolas unitarias. Para que os estudantes comezaran o curso con normalidade a Consellería reagrupounos na escola de Ponteceso, de modo temporal, cos matriculados na escola unitaria de Pazos e os de Tella.

Pola súa banda os escolares do CEIP Brea Segade, en Rianxo; a Escola Infantil de Carnoedo, en Sada; e a Escola de Educación Infantil Nosa Señora de Comiáns, Laracha; continúan as clases con normalidade a falta de que os respectivos Concellos rematen as obras de mellora dependentes de cada un dos centros educativos.

Mentres, nas provincias de Lugo e Ourense continúan o descorrer do curso escolar con normalidade, tónica que xa marcou o primeiro día de clases, o pasado venres, no que todo os recintos abriron as súas portas.

Menús News node R