Cultura e Educación ten en marcha 19 proxectos de FP Dual con máis de 280 prazas en toda galicia e traballa para incrementar a oferta de ciclos en 2015

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad aposta pola implantación progresiva deste modelo que fomenta a empregabilidade dos mozos e mozas preparándoos para afrontar as situacións reais que no futuro se lles presentarán no mercado laboral

O valor diferencial da FP dual radica en que os estudantes poden combinar a formación curricular con actividade profesionalizadora remunerada por parte das empresas

Trátase dunha iniciativa que contribúe a fortalecer o sistema produtivo galego ao dotalo de profesionais cualificados

Mar, 30/12/2014 - 14:15
Cultura e Educación ten en marcha 19 proxectos de FP Dual con máis de 280 prazas
Cultura e Educación ten en marcha 19 proxectos de FP Dual con máis de 280 prazas en toda galicia e traballa para incrementar a oferta de ciclos en 2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pecha o ano con 19 proxectos de FP Dual en marcha e cun total de 281 prazas creadas das que actualmente se benefician alumnas e alumnos de toda Galicia. A implantación progresiva deste pioneiro sistema de formación profesional dual –que se iniciou no curso 2012-2013- está sendo posible grazas aos acordos de colaboración específicos xa formalizados con 26 empresas e asociacións profesionais.

Nunha clara aposta por este modelo que afianza a relación entre formación educativa e a práctica empresarial, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad está a traballar co obxectivo de incrementar a oferta de ciclos de FP dual neste vindeiro ano 2015, e que se concretará en futuros novos convenios de colaboración entre administración e empresas.

O obxectivo é promover a empregabilidade dos máis novos e que, coa participación e implicación das empresas galegas, se facilite que o alumnado dos ciclos formativos compaxine o seu período de estudos con actividade profesional propia da empresa nunha situación real, o que contribúe á preparación dos estudantes para a súa entrada no mercado laboral. Así mesmo, esta formación favorece ás empresas, que poden preparar aos estudantes de acordo coas necesidades reais do noso tecido produtivo.

Oferta de ciclos e bolsas

A día de hoxe están en marcha unha serie de ciclos medios e superiores en institutos e centros de FP das catro provincias que abranguen materias tan variadas como sistemas de comunicacións e informáticos, carrozaría, electromecánica de vehículos, mecatrónica industrial, química industrial, cociña e gastronomía, restauración, xestión de aloxamentos turísticos, peiteado e cosmética capilar, xestión comercial e márketing, administración e finanzas ou servizos administrativos, entre outros.

O último destes proxectos, -do que onte mesmo deu conta o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad-, é a posta en marcha do ciclo de grao medio en Electromecánica de Maquinaria con 18 prazas no CIFP As Mercedes, en Lugo. Trátase dunha oferta pioneira e novidosa na familia de Transporte e Maquinaria coa que se pretende captar a alumnos de toda Galicia.

Ademais, entre as medidas de apoio a este modelo, cómpre salientar que a Xunta de Galicia ven de asinar un convenio de colaboración con Bankia impulsar proxectos neste ámbito ata o ano 2018 e o cofinanciamento de 300 bolsas para alumnos e alumnas.

Formación e traballo

O carácter diferencial da FP Dual consiste na combinación da formación curricular co traballo remunerado nunha empresa (ata un 75 por cento dos dous ou tres cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade.

No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá un contrato de traballo para a formación e a aprendizaxe, de acordo co recollido no título II do RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual. Trátase dun contrato remunerado, polo que o traballador se acollerá ademais ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesmas en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase consonte ao estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.