Cultura e Educación distribuíu 811 encerados dixitais en centros educativos ao abeiro do convenio de colaboración co goberno central, do que se beneficiaron 19.000 alumnas e alumnos

A maiores, a Consellería ten instalado 2.295 aulas Abalar en 531 centros educativos, no que é o investimento máis forte en TIC’s no sistema educativo galego nos últimos lustros

A dotación de material inclúe tamén os correspondentes proxectores, 71 ordenadores portátiles e 5 kits de aula dixital

Así mesmo desenvolvéronse accións específicas de formación para o profesorado implicado

Xov, 01/01/2015 - 11:30
 Cultura e Educación distribuíu 811 encerados dixitais en centros educativos ao
Cultura e Educación distribuíu 811 encerados dixitais en centros educativos ao abeiro do convenio de colaboración co goberno central, do que se beneficiaron 19.000 alumnas e alumnos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten distribuído nos últimos catro anos 811 encerados dixitais entre os centros educativos de toda Galicia ao abeiro do convenio trilateral asinado co Ministerio do ramo e máis coa entidade pública empresarial Red.es para o desenvolvemento de servizos públicos dixitais no marco do programa ‘Educación en Red’. Desta iniciativa, que supuxo un investimento de máis de 1,4 millóns de euros por parte das Administracións públicas, beneficiáronse xa 19.000 alumnas e alumnos e 1.600 docentes de 374 centros educativos. Cómpre sinalar que este material se repartiu a maiores das 2.295 aulas Abalar instaladas pola Consellería en 531 centros educativos das catro provincias galegas, no que é o investimento máis forte en TIC’s no sistema educativo galego nos últimos lustros.

En concreto dotouse aos centros de 811 encerados dixitais táctiles, 811 proxectores de ultracorta distancia, 71 portátiles e 5 kits de aula dixital. Segundo o tipo de ensinanza que imparten, o 39% dos centros receptores son de primaria e o 61% de secundaria e bacharelato.

Así mesmo, e dado que o acordo tamén comprende a capacitación de docentes en materia de novas tecnoloxías, desenvolvéronse 10 módulos formación do profesorado, así como accións formativas presenciais.

Con este tipo de accións, complementarias ao Proxecto Abalar, o departamento educativo da Xunta de Galicia busca avanzar no proceso de transformacións dos centros educativos tradicionais a centros educativos dixitais. De forma paralela foméntase a formación do profesorado no traballo na aula con estes novo equipamento, de tal forma que poidan tirar deles o maior aproveitamento e educar ao alumnado no uso das TIC sen riscos indesexados.