A Consellería de Educación consensúa cos sindicatos a interpretación do acordo para fixar os criterios de acceso ás listas de persoal docente interino e substituto
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal, valorou positivamente este feito, que redunda no beneficio dos docentes
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CC. OO., FETE-UGT, ANPE E CSIF veñen de facer unha interpretación do Acordo no senso de que as listas para acceder a prestar servizos como persoal interino e substituto confeccionaranse tendo en conta os resultados do concurso-oposición, unha vez realizadas as ponderacións tanto da fase de concurso como da oposición –previstas no Real Decreto 276/2007, do 23 de febreiro.
Ademais, a Consellería de Educación e as organizacións sindicais veñen de se emprazar a negociar os criterios de acceso ás citadas listas cando remate o vixente período transitorio de acceso á función pública docente.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal, amosouse satisfeito por ter chegado a este punto de encontro, “que non fará máis que redundar na calidade do sistema educativo e na transparencia da Función Pública, ademais de no beneficio dos docentes”.