A Xunta de Galicia presenta ‘Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova’

Ovidio Rodeiro e Valentín García, responsables de Xuventude e Voluntariado e mais de Política Lingüística, respectivamente, presentaron hoxe esta nova proposta para que a mocidade agasalle as festas na lingua propia de Galicia

Lun, 22/12/2014 - 14:06
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o secretario xer
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron 'Un Nadal mozo e en galego'

As consellerías de Traballo e Benestar e de Cultura e Educación, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, respectivamente, deron a coñecer hoxe en rolda de prensa ‘Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova’, a nova proposta dixital coa que a Xunta de Galicia quere animar á cidadanía, nomeadamente á mocidade e ás familias novas, a apostar nestas datas festivas por agasallar produtos galegos e en galego.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, animou a mocidade a consumir produtos en galego ou que utilizan o galego na súa etiquetaxe e distribución, porque "están asociados á autenticidade e á calidade". Valentín García explicou que, por este motivo, estes produtos levan un plus de exclusividade e de distinción e “son máis nosos, máis de sempre, e asemade máis dinámicos, orixinais e innovadores".

Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou que a promoción do galego é un dos 11 eixos de actuación prioritaria do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016 e, deste xeito, levaranse a cabo un total de 11 accións para o fomento do galego entre a mocidade, distribuídas en dous obxectivos operativos. Por unha banda, fomentar e potenciar o uso da lingua galega no contorno escolar e promover espazos de lecer en galego. E, doutro lado, programar accións formativas para reforzar as competencias dos mozos e mozas no idioma galego e consolidar a súa proxección.

‘Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova’

‘Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova’ ofrece múltiples propostas de produtos que inclúen a lingua galega ou a empregan na súa difusión e venda. Literatura, música, filmes galegos de todos os xéneros, contidos dixitais galegos, xoguetes, roupa, artesanía, arte e outros agasallos creativos, unha boa selección de produtos grastronómicos de calidade, xunto cunha selección de experiencias únicas para o tempo de lecer farán que a mocidade galega e as familias novas con nenos/as desfruten dun Nadal inesquecible. 

Esta guía, editada en formato electrónico, está dispoñible para a súa descarga e consulta no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde o enlace http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/AgasallaGalego.pdf.

‘Nadal en Rede 2014’

‘Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova’ enmárcase, por terceiro ano consecutivo, no programa de dinamización lingüística ‘Nadal en Rede’, impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Trátase dunha acción destinada á galeguización do Nadal que convida a poboación galega a gozar destas festas cunha ampla programación na que se inclúen, amais da guía de agasallos, os concertos musicais dirixidos a público infantil e familiar ‘A cantar con María Fumaça’ e ‘Cantigas da estrela’; a peza cómica para público xeral ‘Feliciano’; a adaptación teatral do ‘Espantallo amigo’ de Neira Vilas; as visitas dos tres Magos de Oriente a centros escolares de infantil e primaria de titularidade da Consellería de Cultura e Educación, ‘Lingua de Reis’; as cartas ás Súas Maxestades de Oriente e mais o ‘Libro dos Reis Magos’; e o espazo virtual www.postaisengalego.com, desde o que se poden enviar xa as postais electrónicas máis divertidas e personalizadas para felicitar as festas. Toda a información e o calendario das actividades -que esta semana de Nadal se programarán en case unha vintena de concellos- está xa dispoñible en http://www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede.