O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia respalda a decisión de Cultura e Educación de valorar como mérito cuantificable na convocatoria de traslados os servizos prestados como interino

O tribunal vén de fallar a revogación da sentenza do xulgado número 2 do contencioso- administrativo de Santiago de Compostela que anulaba parcialmente o concurso

Deste xeito as persoas que resultaran adxudicatarias de praza na resolución do mesmo manteranas, confirmándose con este fallo a súa seguridade

Ven, 19/12/2014 - 13:18
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia respalda a decisión de Cultura e Educa
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia respalda a decisión de Cultura e Educación de valorar como mérito cuantificable na convocatoria de traslados os servizos prestados como interino

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir dúas sentenzas – con poñentes diferentes en cada caso- nas que se respalda a decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de valorar, na convocatoria do concurso de traslados, aos funcionarios de carreira os servizos que estes prestaron como interinos. Para iso, ambos os dous fallos revogan as  2 sentenzas do xulgado número 2 do contencioso- administrativo de Santiago de Compostela que anulaba parcialmente a Orde de 16 de outubro de 2013 pola que se convoca concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación.

Así, e segundo explicou hoxe o conselleiro, Xesús Vázquez Abad,  en rolda de prensa o TSXG ratifica, a través de sentenzas firmes, a legalidade da Orde do 16 de outubro de 2013. ademais, as persoas que, ao abeiro da resolución dese concurso de traslados, resultaron adxudicatarias dunha praza, manteranse nela, ao confirmarse a seguridade das mesmas. “Quedan, pois, despexadas todas ás dúbidas sobre o concurso de traslados convocado por esta Consellería”, dixo.

O aval a unha decisión fundamentada

Durante a súa intervención o conselleiro lembrou que a Consellería tomara a decisión de computar no concurso de traslados en igualdade de condicións os servizos prestados polo persoal como interino baseándose en criterios puramente técnicos, como a xurisdición e normativa europea ao respecto. Ademais lembrou que a orde pasou pola Mesa Sectorial correspondente, e mesmo un informe do Valedor do Pobo avalou a convocatoria do concurso.

De feito, ambas as sentenzas do TSXG fundaméntanse en criterios idénticos ou moi similares aos seguidos pola Consellería para a convocatoria do concurso ao considerar, por exemplo, que,  “se, como vemos, con rotundidade se afirma pola xurisprudencia comunitaria que non constitúe razón obxectiva desvirtuadora da discriminación o feito de que os servizos foran prestados en réxime de interinidade, non existe motivo algún para que non se aplique o mesmo criterio cando se trata dun proceso de provisión. E isto é así porque a natureza das tarefas que se desenvolven non varía polo feito de que os servizos desempeñados o sexan en virtude dunha relación de interinidade. En consecuencia, ao concorrer o mérito da experiencia previa e antigüidade na prestación dos servizos, deben ser computados tanto nun proceso de ingreso como de provisión”.

No transcurso da rolda de prensa, na que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, e polo subdirector xeral de Recursos Humanos, José Luis Canosa; o conselleiro lembrou que “a Consellería buscou, en cada momento a decisión máis beneficiosa para todos os docentes participantes no concurso. En primeiro termo, evitar a incertidume que suporía presentar un recurso e, unha vez outros axentes os presentaron, aplicar a resolución inicial do concurso mentres non fose executiva - e finalmente non o será -a sentenza do xulgado número 2 do contencioso- administrativo de Santiago de Compostela”.