Xesús Vázquez Abad anuncia unha nova convocatoria en 2015 de oposicións para o corpo de inspectores de educación a maiores da oferta de emprego público para docentes de infantil e primaria

O conselleiro de Cultura e Educación salientou que esta decisión “reforza o noso compromiso coa estabilidade da plantilla de inspección”

Así o sinalou durante a inauguración da I Xornada formativa sobre Inspección Educativa que se celebra no Mupega

Mar, 16/12/2014 - 11:20
O conselleiro de Cultura na Xornada de formación de inspectores educativos
O conselleiro de Cultura na Xornada de formación de inspectores educativos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe unha nova convocatoria de oposicións para o corpo de inspectores educativos da Xunta de Galicia, que terá lugar o vindeiro ano 2015. Esta nova convocatoria, de promoción interna, realizarase a maiores da oferta de emprego público prevista para docentes de infantil e primaria. Así o asegurou durante a inauguración da I Xornada de Formación de Inspectores Educativos 2014-2015, que se celebra nas instalacións do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), e que contou coa presenza do director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira.

Segundo explicou Vázquez Abad, esta terceira convocatoria de oposicións para inspectores que se materializará no ano que entra, xunto coas dúas convocatorias anteriores de 2010 e 2013 reforzan “o noso compromiso coa estabilidade da plantilla de inspección”. Así mesmo, o conselleiro subliñou o “firme apoio” do departamento que dirixe ás labores de inspección xa que, segundo explicou, “inmersos na implantación dunha reforma educativa, o papel da inspección de velar polo correcto desenvolvemento dos procesos de ensino require, máis que nunca, a actualización de coñecementos”.

Doutra banda, o conselleiro aproveitou a súa presenza na Xornada de formación de inspectores educativos para agradecer o traballo diario que realizan estes profesionais, así como o seu “esforzo e compromiso” e o papel que desempeñan á hora de implementar e desenvolver programas que deseña a propia administración educativa.

Na xornada de hoxe, abordáronse temas de actualidade como a Lei de Protección de datos e a súa aplicación ao ámbito educativo, así como unha aproximación aos protocolos e modelos de inspección que se aplican noutras comunidades autónomas.

Declaracións de Xesús Vázquez Abad