Xesús Vázquez Abad participa na entrega dos premios da Confederación Galega de Asociacións Veciñais, que cada ano recoñecen o labor social de persoas e institucións de toda Galicia

Nun acto celebrado en Ourense, o conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos galardoados e animounos a seguir avanzando co traballo comprometido e solidario

Sáb, 13/12/2014 - 14:50
Confederación Galega de Asociacións Veciñais
Confederación Galega de Asociacións Veciñais

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá no acto de entrega dos premios da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave) que este ano se celebra en Ourense. Ao evento, que estivo presidido polo presidente de Cogave, Eladio Fernández Vázquez, tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

O conselleiro Xesús Vázquez Abad interveu para estender os seus parabéns aos premiados, dos que loou o seu “traballo e compromiso, non sempre visible, pero sempre efectivo e solidario”. Tamén aproveitou para reafirmar o apoio do Goberno galego a prol do movemento asociativo veciñal  e animou aos responsables municipais “a escoitar as propostas dos veciños”. Vázquez Abad concluíu a súa intervención para animar aos integrantes destes colectivos a seguir traballando e esforzándose na liña na que o veñen facendo ata o de agora.

Con estes galardóns anuais, Cogave pretende recoñecer o labor tanto de persoas físicas como de institucións pola súa contribución ao labor social. Esta Confederación aglutina a 7 federacións veciñais asociadas,que representan a máis de 400 asociacións e  preto de 120.000 veciños.

Premiados

Na edición de este ano, no apartado de distincións concedidas pola executiva de Cogave resultaron premiados as Forzas e Corpos de Seguridade en Galicia, o grupo de Investigación Aeroespacial da Universidade de Vigo e a Fiscalía de Ourense.

Na modalidade de premios que outorgan as distintas Federacións que integran Cogave resultaron galardoados a Cociña Económica da Coruña; a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Coruña; o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; o expresidente de Cogave e presidente da Federación Lucus Augusti de Lugo, Jesús Vázquez Varela; en Ferrol Emilio Romero Suárez e Trinidad Seco López; Ángela Rodas Castro, en Cangas; na cidade do Lérez ‘Calor y Café de Pontevedra’ e Leonor González Prieto; e en Ourense Cáritas Galicia.