O conselleiro de Cultura e Educación, na presentación da biografía ‘Carlos Casares. Compromiso con Galicia’

Xesús Vázquez Abad loou a figura de Casares como “gran renovador da nosa narrativa” e salientou a súa contribución “á imaxe cultural de Ourense e de Galicia”

Ven, 12/12/2014 - 20:15
O conselleiro loou a figura de Casares como “gran renovador da nosa narrativa”
O conselleiro loou a figura de Casares como “gran renovador da nosa narrativa”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe en Ourense na presentación da biografía ‘Carlos Casares. Compromiso con Galicia’, unha obra de Denís Vicente Rodríguez na que se fai un percorrido pola traxectoria deste insigne ourensán, escritor e articulista.

O conselleiro loou a figura de Casares como “gran renovador da nosa narrativa” e dixo sentirse “privilexiado” de participar nun acto que “ten moito de lembranza e de homenaxe; de admiración renovada por un creador que animou, cunha enerxía portentosa , a imaxe cultural de Ourense e de Galicia, para se facer o seu espazo como escritor libre de límites e fronteiras”.

Vázquez Abad aproveitou a súa intervención para lembrar o apoio institucional do departamento que dirixe aos autores galegos máis sobranceiros. Precisamente  -explicou o conselleiro- a obra de Casares ocupa espazos destacados “co seu nome nos fondos que conserva a Biblioteca de Galicia no Monte Gaiás” así como “coa súa escrita, á que se achegan cada curso as sucesivas promocións escolares do noso ensino” e con programacións específicas como é o caso da representación de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ que o Centro Dramático Galego achega ao público infantil e xuvenil.

O conselleiro concluíu a súa intervención manifestando o seu agradecemento ao autor da obra, Denís Vicente, por condensar “o que significa Carlos Casares para Galicia”, así como á editorial Ir Indo “por traer ao seu catálogo un título máis, dos que contribúen a lle dar forma e vida á nosa cultura”.

No acto celebrado en Ourense estivo presente o propio autor do libro, Denís Vicente; o responsable da Editorial Ir Indo, Bieito Ledo; o irmá do escritor ourensán, Xavier Casares, así como Alfonso Vázquez Monxardín e Luís González Tosar.