Cultura e Educación participa no VIII Seminario Nacional de Atención Educativa a alumnado inmigrante
Investigadores e profesionais educativos danse cita en Santiago para debater sobre as vías de colaboración e afondar en proxectos para a mellor atención deste colectivo
O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, lembrou que o Decreto de Atención á Diversidade da Xunta contempla medidas específicas para o alumnado procedente do estranxeiro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa entre hoxe e mañá no VIII Seminario Nacional de “Atención Educativa ao alumnado inmigrante. Experiencia e Innovación”, que reúne en Santiago a distintos expertos para debater sobre cuestións como a educación, a diversidade cultural e o pluralismo.
Por parte do departamento educativo da Xunta de Galicia interveu hoxe o director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira, quen subliñou que a atención ao alumnado migrante “supón un dos grandes retos educativos” e a resposta que se lle da “é a resposta de toda a sociedade”.
Nos últimos dez anos, o sistema educativo galego experimentou unha transformación que pasa polo incremento de alumno emigrante. De feito pasouse do 1 por cento de alumnado inmigrante nas etapas de infantil, primaria e secundaria obrigatoria no curso 2001-2002 ao 4 por cento no curso 2008-2009, cifra que baixou ao 3,15 por cento no pasado curso 2013-2014.
Estes datos, segundo explicou o director xeral de Educación, “debuxan unha nova realidade que chegou para quedarse” e, precisamente atendendo a esta dinámica, a Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha unha serie de liñas específicas para a atención ao alumnado provinte doutros países. Manuel Corredoira referiuse en concreto ao Decreto de Atención á Diversidade, no que hai un apartado específico para os alumnos que veñen do estranxeiro, sobre todo para aqueles que presenten descoñecemento das linguas oficiais da nosa comunidade, un desfase curricular significativo ou dificultades manifestas de adaptación.
Así mesmo, entre os recursos a disposición da comunidade educativa dirixidos a este colectivo, o director xeral de Educación mencionou tamén a Guía Informativa de escolarización do alumnado procedente do estranxeiro e a Guía do Sistema Educativo Galego; os Plans de Acollida en todos os centros con especial atención a aspectos como a orientación e acción titorial; a Guía da Comunicación Básica para o intercambio cos alumnos e as súas familias; e o método de lectoescritura ‘Nahono’ en lingua árabe.
Manuel Corredoira explicou que a atención a estes alumnos, ademais de aspectos curriculares e de coñecemento de linguas, ten tamén unha importante vertente como é afondar na aceptación e no aproveitamento da diversidade cultura, lingüística e sociolóxica que representan. Por iso, as migracións teñen unha dobre perspectiva xa que representan “tanto un reto como unha oportunidade”, concluíu o director xeral de Educación.
O foro, que se celebra en Santiago, configúrase como un espazo de debate onde investigadores e profesionais da educación debaten sobre as posibles vías de colaboración para mellorar a atención aos alumnos inmigrantes. Así mesmo búscase consolidar un foro estable sobre investigación e innovación na atención educativa á diversidade cultural, coa participación de universidades, centros educativos, asociacións de profesore e axencias cívico-sociais.