Xesús Vázquez Abad sinala o Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC como un exemplo da “vella arela da transferencia de coñecementos entre a universidade e a sociedade”

O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe no acto de entrega da XIV edición destes premios

Ven, 12/12/2014 - 13:30
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá no compostelán colexio de San Xerome na entrega de premios da XIV edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá no compostelán colexio de San Xerome na entrega de premios da XIV edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC), “cos que se mantén mantén a vella arela da transferencia de coñecementos entre a universidade e a sociedade”. Con estes galardóns recoñécense, en palabras do titular do departamento educativo da Xunta, “o mérito de persoas vinculadas ao mundo académico, que, cunha visión de longo alcance debullan elementos esenciais para a construción dun futuro con raíces, e tamén proxectos froito da ilusión e do esforzo”.

No transcurso da súa intervención Vázquez Abad salientou o traballo da USC e de Uniemprende, “que levan xa catorce anos apoiando esta iniciativa exemplar entre o estudantado", e destacou o papel nesta tarefa do director de Uniemprende, Carlos Hernández, posuidor dunha cátedra UNESCO, cuxo prestixio internacional “contribúe, sen dúbida, ao éxito dunha convocatoria transcendental no alento do espírito creador e investigador e na consciencia da súa importancia e da necesidade de conservalo". Así mesmo quixo sinalar estes galardóns como un “exemplo de diálogo interuniversitario e de apertura ao mundo”, dada a posibilidade de participar neles desde todo o Sistema Universitario de Galicia e todas as áreas de coñecemento.

As ideas gañadoras desta catorceava edición foron“Buy and Return”, promovida por Alejandro Cobelo Pardo de Donlebun, “Células solares híbridas orgánico‐plasmónicas”, de Manuel Gómez García;“Versabotics Industrial Solutions”, de Ricardo Veira Lorenzo, Gabriel Ferreiro Pena, Javier Lamas Vigo, Manuel González Penedo,Marcos Ortega Hortas, Alberto Ramil Rego e Armando J. Yáñez Casal;“GalicianGarden.com”, de Eva Barcala Pérez; e “Contactúa: do conto ao teatro”, de Pablo Culebras Sánchez‐Biezma.

O titular de Educación estivo acompañado no acto polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social; e o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande.

Innovación e desenvolvemento

Este concurso está dirixido ao conxunto da comunidade universitaria galega e a todas as áreas de coñecemento (Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Xurídicas e Sociais, Ciencias Experimentais e Ensinanzas Técnicas), e no marco do mesmo outórganse 5 premios de 600 euros a aquelas emprendedoras e emprendedores que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a medio ou curto prazo.

Para a obtención destes premios o xurado tivo en conta a viabilidade da idea empresarial, o seu carácter innovador, o grao de madurez da mesma, o mercado obxectivo ao que se dirixe idea, así como a presenza de políticas de igualdade na posta en marcha da mesma.

Desta volta presentáronse a esta competición un total de 343 propostas. A meirande parte das ideas correspondéronse coa área temática das Ciencias Sociais e Xurídicas (52%), seguida das Ensinanzas Técnicas (17%), Ciencias Humanas (13%), Ciencias experimentais (11%) e Ciencias da Saúde (7%).