O conselleiro de Educación visita centros educativos de Vila de Cruces e Silleda no primeiro día de curso escolar
A Consellería de Educación vén de investir 588.000 euros en obras de mellora e reposición nos centros destas localidades
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe centros educativos de Vila de Cruces e Silleda, nos que iniciaban o curso nas etapas de Infantil e Primaria.
A primeira hora da mañá, Vázquez Abad compartiu cos 189 alumnas e alumnos do CEIP Nosa Señora da Piedade (Vila de Cruces) o inicio do curso escolar. Ademais, o conselleiro aprobou para comprobar o estado do centro tras as obras de reposición de cubertas e caldeira realizadas pola Consellería no colexio.
Nesta visitas acompañaron ao conselleiro o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o director xeral de Centros, José Manuel Pinal; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; e o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero.
Na mesma localidade, Vázquez Abad visitou tamén o IES Marco do Camballón, no que a Consellería de Educación vén de construír novos talleres. Con estas visitas o conselleiro demostra de novo o compromiso do departamento do que é titular con Vila de Cruces. Non en balde, a Consellería vén de investir case 510.000 euros en obras de reposición e mellora nos centros educativos da localidade.
Posteriormente Xesús Vázquez Abad desprazouse ata Silleda, onde visitou o CEIP da localidade. Neste colexio comprobou o resultado das obras de reposición de ventanais e de adaptación para a accesibilidade dos aseos realizadas pola Consellería, por importe de máis de 78.000 euros. Ademais, o conselleiro acompañou no inicio das clases aos 330 escolares do centro.
Na visita ao colexio de Silleda acompañaron ao conselleiro o director xeral de Centros, José Manuel Pinal; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; e a alcaldesa, Ofelia Rey Recimil.