Cultura e Educación recoñece o traballo de 29 estudantes de secundaria cos premios extraordinarios ao rendemento e ao esforzo e superación persoal
A Consellería acaba de resolver a convocatoria pola que se conceden os galardóns correspondentes ao curso 2013/2014
Estes premios valoran o excelente aproveitamento do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, así como a capacidade de superación de dificultades ben sexan de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de recoñecer o labor diario de 29 estudantes de ensinanza secundaria coa concesión de 20 premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico e outros 9 premios ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2013-2014, a totalidade dos presentados nesta modalidade. Os galardoados son estudantes que durante o pasado ano académico cursaron 4º de ESO no réxime ordinario en calquera dos centros educativos galegos.
Con estes galardóns cuxa resolución publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad quere fomentar entre o alumnado a cultura do esforzo no estudo, reforzando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo como son a excelencia, a equidade, a igualdade de oportunidades e as posibilidades de desenvolvemento persoal. En total convocáronse 20 premios ao rendemento e outros tantos ao esforzo e á superación persoal, pero a esta última modalidade só se presentaron 9 candidatos e todos eles reunían as condicións para acadar o premio.
Rendemento académico
No tocante aos premios extraordinarios ao rendemento académico, preténdese dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, destacando as posibilidades que ofrece o sistema educativo para chegar á excelencia a través da equidade, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento persoal.
Os candidatos e candidatas a estes premios debían contar cunha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos, ademais de superar unha proba específica, celebrada o pasado 15 de outubro. Nesta proba, estruturada en dúas partes, valóranse os obxectivos e as competencias acadadas polo alumnado, a través de cuestións relacionadas coas materias de Lingua Galega e Literatura; Lingua Castelá e Literatura; Lingua Estranxeira; Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; Matemáticas e unha a escoller de entre Física e Química, Música, Bioloxía e Xeoloxía, Educación Plástica e Visual, Tecnoloxía ou Latín.
Nesta modalidade participaron un total de 346 estudantes e acadaron o galardón 8 alumnos e alumnas de centros da provincia da Coruña, 5 de Lugo, 2 de Ourense e 5 de Pontevedra. Así, na provincia da Coruña resultaron galardoados Fernando Díaz Díaz (CPR Eiris), Sara Orois Gómez (CPR Manuel Peleteiro), María Irene Lois Bermejo (CPR Santa María del Mar), Luis Fernández Martínez (CPR Manuel Peleteiro), Andrea Busto Castiñeira (IES Plurilingüe Rafael Dieste), Miguel López Barbeito (CPR Manuel Peleteiro), Sara Martínez García (IES Plurilingüe Rosalía de Castro) e Raquel Fernández Vieitez, (IES Plurilingüe Rosalía de Castro). Na provincia de Lugo os premiados foron Xabier Doural García (IES de Foz), Carmen Novo González (IES Vilar Ponte), Manuel De Prada Corral (CPR Galén), Fernando Cabana Porto (CPR Plurilingüe San José) e Santiago Alonso Bartolomé (IES Río Cabe). Na provincia de Ourense obtiveron o premio Enrique Cardero Riveiro (IES Eduardo Blanco Amor) e Elena Pazos Linares (CPR Plurilingüe Santa María). Na provincia de Pontevedra acadaron este recoñecemento Boris Carballa Corredoira (CPR Plurilingüe Don Bosco), Lucía Jiménez Del Campo (CPR Los Sauces), Gabriela del Carmen Sieira Bravo (CPR Los Sauces), Iago Alcántara Álvarez (IES Alexandre Bóveda) e Cristina García Quiñones (IES Alexandre Bóveda).
Esforzo e superación persoal
Cos premios ao esforzo e á superación persoal, a Consellería busca recoñecer e valorar os comportamentos excepcionais dos alumnos e das alumnas que grazas á dedicación e ao esforzo demostrado ao longo da etapa conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Nesta modalidade resultaron premiados 3 alumnos da provincia da Coruña, 2 da provincia de Lugo e 4 da provincia de Pontevedra.