O conselleiro de Cultura e Educación salienta a implantación do proxecto piloto de libro dixital en núcleos rurais e de menos de 10.000 habitantes

O 35,72% dos centros destas localidades acceden ao ‘E-Dixgal’

Mér, 03/12/2014 - 18:03
O conselleiro de Cultura e Educación salienta a implantación do proxecto piloto
O conselleiro de Cultura e Educación salienta a implantación do proxecto piloto de libro dixital en núcleos rurais e de menos de 10.000 habitantes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe no Parlamento de Galicia a implantación do proxecto piloto de libro dixital impulsado pola Xunta, ‘E-Dixgal’, nos núcleos rurais e concellos de menos de 10.000 habitantes, deixando claro que “a Xunta traballa polo conxunto do ensino non universitario de Galicia, pensando nos rapaces e nas rapazas das cidades, pero tamén ofrecendo as mesmas oportunidades a aqueles que viven en vilas máis pequenas”.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta explicou que o 35,72% dos centros situados en concellos de menos de 10.000 habitantes acceden a este proxecto, e que incluso o 21,4 % dos centros de municipios con menos de 5.000 persoas participan del. Cómpre sinalar o significativo destes datos tendo en conta que o curso 2014/2015 é o primeiro de implantación desta iniciativa, na que participan este ano 84 colexios Abalar, un total de 2.300 alumnas e alumnos de 5º de primaria das catro provincias galegas.

Vázquez Abad quixo agradecer e salientar “o esforzo e a capacidade de modernización que están a demostrar moitos centros e equipos docentes” na posta en marcha deste proxecto que se inicia de forma experimental “e que, por tanto, pode ter incidencias puntuais, que son arranxadas e que permiten seguir avanzando na integración das TIC no ensino galego”. Así mesmo salientou o éxito de convocatoria, superando as previsións iniciais de incorporar este curso ao ‘E-Dixgal’ medio cento de centros, e confiou en continuar ampliando o proxecto a máis cursos e etapas nos anos seguintes.

Vantaxes

Entre as vantaxes deste novo proxecto o conselleiro sinalou que as alumnas e alumnos poden acceder tanto de xeito online como off line a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias facilitados pola Xunta como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Ademais, esta nova ferramenta facilitará o acceso aos contidos de pago de empresas editoras gazas á conexión co Punto Neutro do Ministerio de Educación.

Ademais Vázquez Abad sinalou que as iniciativas que procuran a integración das TIC nas aulas - como o E-Dixgal ou o Abalar- permiten ao ensino galego unha maior eficiencia na adquisición de competencias básicas e profesionais, maior motivación dos estudantes, e unha mellora no acceso a contidos actualizados. Así mesmo destacou estas iniciativas como unha oportunidade para a innovación, a introdución de novas metodoloxías pedagóxicas e, en xeral, para “unha mellor adaptación do proceso ensino-aprendizaxe ás necesidades persoais do alumnado e ao contexto creado pola globalización e a aplicación constante e acelerada de coñecementos científicos a vida cotiá”. Así mesmo, constitúen unha maior motivación para o profesorado “para a súa creatividade e desenvolvemento profesional, ao contar cun medio para traballo cooperativo e de crecemento exponencial do coñecemento en forma de repositorios e redes, facilitando as boas prácticas”.