Cultura e Educación convoca a segunda edición dos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación na Formación Profesional

Poderán participar todos os centros públicos de FP de Galicia, que teñen de prazo ata o 16 de decembro para presentar os seus proxectos

A Consellería dispón dunha dotación económica de 251.500 euros para repartir entre as propostas que resulten gañadoras

Hai dúas modalidades, unha de innovación tecnolóxica ou científica e outra para a creación de materiais e recursos didácticos

Con esta iniciativa a Consellería trata de potenciar as iniciativas innovadoras e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas ou outras entidades

Entre os criterios de valoración, cómpre salientar a mellora que o proxecto supoña na empregabilidade do alumnado e a apertura de oportunidades de emprendemento, entre outras

Mar, 02/12/2014 - 17:39
 Cultura e Educación convoca a segunda edición dos premios para o desenvolvement
Cultura e Educación convoca a segunda edición dos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación na Formación Profesional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca, por segundo ano consecutivo, os Premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e para proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional a desenvolver durante o ano 2015. Con esta iniciativa preténdense potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e/ou outras entidades, en aras da calidade e a excelencia na Formación Profesional e o fomento do emprendemento.

Na convocatoria poderán participar todos os centros públicos de FP de Galicia, que dispoñen de prazo ata o 16 de decembro para presentar os seus proxectos. Para tal fin, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ten disposto unha dotación económica de 251.500 a repartir entre os proxectos que resulten gañadores.

Modalidades

Os interesados poderán optar a dúas modalidades, unha de Innovación tecnolóxica ou científica e outra didáctica. A primeira delas oriéntase a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o entorno produtivo, como a mellora de procesos de procesos de produción e/ou de prestación de servizos. Ademais neste caso os proxectos deberían ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.

Na modalidade didáctica inclúense aqueles proxectos que teñan como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. É dicir, que estean orientados a introducir e aprender novos contidos, tecnoloxías avanzadas, instrumental ou maquinaria na aula ou no taller.

Solicitudes e requisitos

As solicitudes para poder participar deberan ser presentadas por un centro de FP que, a súa vez, asumirá as funcións de centro coordinador. Entre os requisitos figura que sexa un proxecto colaborativo, é dicir, contar con dous participantes como mínimo. Os socios poden ser outros centros de Formación Profesional ou tamén entidades ou empresas a nivel autonómico.

Ademais da correspondente instancia, os interesados en optar á convocatoria deberán presentar un proxecto debidamente explicado e cuxo orzamento non deberá superar os 40.000 euros.

Finalmente haberá unha comisión de selección encargada de valorar cada un dos proxectos. Segundo se establece nas bases, os criterios de valoración son, entre outros, a viabilidade e coherencia no plan de traballo previsto, o grao de aplicación do proxecto aos currículos dos ciclos formativos, o nivel de impacto previsible do proxecto no entorno produtivo ou a apertura de oportunidades laborais no caso dos da Modalidade de Innovación tecnolóxica, ou a aplicación práctica á aula e o grao de concreción dos recursos e materiais educativos no caso da modalidade Didáctica. Non obstante, toda a información sobre esta convocatoria pode consultarse no enderezo http://www.edu.xunta.gal/fp/innova.