Máis de 200 docentes asisten ás XXIV Xornadas Pedagóxicas da Asociación de Profesores de Francés de Galicia
O director xeral de Educación, José Luís Mira, inaugurou esta mañá as xornadas pedagóxicas, que se desenvolverán ata o sábado no IES Fontiñas, de Santiago de Compostela
O IES Fontiñas de Santiago de Compostela acolle as XXIV Xornadas Pedagóxicas da Asociación de Profesores de Francés de Galicia (APFG), desde hoxe ata o sábado. O acto foi inaugurado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luís Mira, e contou coa presenza do presidente da APFG, Carlos Vidal López.
As actividades, que gozaron de éxito de convocatoria, programadas para estes días abordan con especial interese o emprego das TICs na ensinanza do idioma, a través dos distintos relatorios centrados na aprendizaxe do francés co uso de novas tecnoloxías.
Aprendizaxe a través das TICs
Nestes días os relatorios xirarán en torno ao uso das tecnoloxías como método de ensinanza para que o alumnado adquira o pleno dominio do idioma a través de proxectos que se desenvolven na rede e outros dispositivos. Ademais, tratarase a renovación pedagóxica do francés; así como a aprendizaxe de linguas dende unha perspectiva estrutural, social e construtivista; e tamén se falará sobre os novos enfoques para a impartición das clases.
Ademais, os asistentes ampliarán a súa formación con talleres didácticos e pedagóxicos e actividades lúdicas como a “velada de cine”, espazos de encontro ou representacións teatrais.
O director xeral de Educación, José Luís Mira, recordou que a mellora das competencias lingüísticas é moi importante no futuro do alumnado, e destacou ademais a implicación deste departamento pola Educación. Por outra banda o director de Educación felicitou ao presidente da APFG, con quen comparte a mesma preocupación como queda de manifesto pola temática destas Xornadas Pedagóxicas.
Estas XXIV Xornadas Pedagóxicas, contan co apoio da Consellería de Educación que continúa co seu compromiso de fomentar a aprendizaxe de linguas estranxeiras no entorno educativo, para que o alumnado adquira todas as competencias lingüísticas de desenvolvemento noutra lingua como así ven facendo con iniciativas como o Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras ou o Programa Europeo de Aprendizaxe Permanente (PAP).