Xesús Vázquez Abad participa na presentación da campaña ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’ organizada por Confemadera e que conta co apoio da Xunta de Galicia
O conselleiro de Cultura e Educación aproveitou a súa visita ao IES Universidade Laboral de Ourense, no que tivo lugar o acto, para analizar co equipo directivo as necesidades da cuberta do centro, a cuxa reposición se destinarán 300.000 euros
Como cada ano, a campaña presentada hoxe trasládase aos centros escolares a través dun concurso que ten como finalidade concienciar sobre o valor do monte galego desde unha perspectiva social, medioambiental e económica
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na presentación da campaña ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’, organizado por Confemadera Hábitat Galicia co apoio da Xunta a través das Consellerías de Cultura e Educación e do Medio Rural e do Mar, co fin de poñer en valor o bosque galego desde a perspectiva social, medio ambiental e económica.
Melloras no IES Universidade Laboral
O acto tivo lugar no IES Universidade Laboral de Ourense. Con ese motivo, o conselleiro Vázquez Abad aproveitou a súa visita a este centro para abordar co equipo directivo as melloras necesarias nas cubertas, unhas obras previstas para 2015 e ás que a Consellería destinará 300.000 euros. En concreto, atendendo ás demandas da comunidade educativa, está previsto actuar sobre as cubertas da zona do hall, do corredor, dunha zona de aulas do IES e da zona de dirección.
Respecto á campaña ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’, Vázquez Abad amosou a importancia de “inculcar boas prácticas desde as idades máis temperás”. “Nun lugar como Galicia, cun contorno privilexiado, o respecto e coidado do medio ambiente son, máis que unha opción, unha obriga para todos e todas”, matizou.
Coma todos os anos, esta sétima edición da campaña ‘O monte é a nosa vida’ trasládase aos centros escolares a través dun concurso dirixido a alumnos de 5º e 6º de Primaria, de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO de toda Galicia, e de centros de Educación Especial para que, ben de xeito individual o colectivo, presenten ideas e proxectos relacionados coa riqueza forestal e, ao mesmo tempo, estes traballos lles sirvan de concienciación na defensa do monte e os valores que representa.
O conselleiro loou esta iniciativa e animou aos alumnos a participar neste concurso xa que, subliñou, “a través da vosa implicación, da vosa creatividade vaise chegar a moita más xente”. “O obxectivo ben o merece”, dixo Vázquez Abad, xa que “hoxe máis que nunca, a protección e posta en valor do Medio Ambiente é cousa de todos”.
Ademais do concurso, a campaña abrangue outras actividades como charlas divulgativas, unidades didácticas con material a disposición dos centros ou visitas a colexios con motivo da celebración do Día da Árbore, entre outros.
Novidades e categorías
Entre as novidades desta edición engádese a nova categoría ‘Premio Plan Proxecta’, para aqueles centros educativos que participen no programa do Plan Proxecta – coordinado pola Consellería de Cultura e Educación- ‘Montentérate:o Monte é a nosa vida’, cun único galardón dotado con 300 euros para material. As bases poden consultarse no enderezowww.facebook.com/ pages/O-Monte-é-a-Nosa- Vida ou en www.confemaderagalicia.es .
Ademais, mantéñense as categorías colectiva por clases, a categoría individual, e a de Educación Especial. Os participantes deberán plasmar nunha foto, debuxo, colaxe, vídeo, ou outro material que estimen pertinente, exemplos de montes reais do seus ámbito que sirvan para ilustrar algunha das tres vertentes de riqueza forestal, ben desde o punto de vista económico, social ou ambiental. Á hora de valorar os traballos, teranse en conta o seu valor artístico, a orixinalidade e a explicación do que se quere exemplificar con el, así como aqueles que engadan propostas de mellora sobre os usos do monte elixido.
Os interesados dispoñen de prazo ata o 6 de marzo de 2015 para o envío de propostas e en maio daranse a coñecer os nomes dos gañadores.
Na presentación da campaña, ademais do conselleiro, interviron o presidente de Confemadera, Elier Ojea; e o director do IES Universidade Laboral de Ourense, José María Carballeira. Ao acto tamén asistiu a xefa territorial de Ourense, Mercedes Gallego.