Xesús Vázquez Abad inaugura ‘Os satélites. Parada Justel’, que pon de relevo “o inmenso valor artístico” deste pintor ourensán
O conselleiro cualificou a mostra organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial, dependente da Consellería de Cultura e Educación, como “unha xustísima homenaxe” a este membro da Xeración Doente
Poderá visitarse até o 2 de febreiro do 2015 no Centro José Ángel Valente
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a exposición organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, dependente da propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ‘Os satélites. Parada Justel’, que permanecerá aberta ao público até vindeiro 2 de febreiro no Centro Municipal José Ángel Valente, sito na antiga sede do Banco de España. Segundo Vázquez Abad, a mostra pon de relevo “o inmenso valor artístico da obra de Parada Justel, pero tamén a forma na que, pacientemente, imos construíndo novos espazos, para sentir o orgullo de pertencer a esta terra.”
O titular de Cultura e Educación asegurou que esta mostra resulta “unha xustísima homenaxe a un membro da extraordinaria Xeración Doente, dese grupo de catro xenios: Ovidio Murguía, Xaquín Vaamonde, Jenaro Carrero e, por suposto, o propio Ramón Parada Justel que, nas súas vidas, tan fugaces, racharon os moldes da plástica do seu tempo e asinaron lenzos que os sitúan nun cumio pictórico perenne, recoñecible como galego e de alcance universal.” Finalmente, Xesús Vázquez Abad felicitou ao director e o equipo do Museo Arqueolóxico de Ourense, aos profesionais que acometeron a restauración do lenzo e montaxe da mostra, e ás diversas administracións e institucións colaboradoras.
Ao acto, asistiron ademais o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e a xefa territorial da Consellería, Mercedes Gallego; e o comisario da exposición e director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez.
‘Os satélites’, medalla Nacional de 1899
Esta exposición ten como obxectivo divulgar o lenzo ‘Os satélites’, unha das obras máis senlleiras do pintor ourensán nado en Esgos, Ramón Parada Justel (1871-1902). Trátase dun cadro de gran formato, premiado cunha medalla na Exposición Nacional de 1899, que permaneceu nunha colección particular e recentemente foi adquirido pola Xunta de Galicia, pasando a incorporarse nas coleccións do Museo Arqueolóxico ourensán.
Acompañan a este cadro outras dezasete obras do artista, unha pequena escolma que pretende achegar ao público un percorrido pola súa traxectoria plástica. A exposición, que se vertebra arredor do excepcional lenzo “Os Satélites”, complétase con outras dezasete pezas do pintor, unha escolma que pretende achegar ao público un percorrido pola súa traxectoria artística. A mostra inclúe unha serie de paneis que explican o minucioso proceso de restauración ao que foi sometida a obra, que recupera así a súa forza e beleza orixinal.
O Museo ofrecerá diariamente e en dúas quendas, ás 12 e ás 20 horas, visitas guiadas gratuítas á exposición. Nestas darase a coñecer o cadro “Os satélites”, explicando o seu recente proceso de restauración, e farase un percorrido pola obra pictórica de Ramón Parada Justel para divulgar a súa traxectoria artística.