Vázquez Abad salienta a “excelencia” e a “calidade” da Escola de Altos Estudos Musicais, na inauguración do curso 2014-2015
O conselleiro de Cultura e Educación asegurou que a EAEM está “na vangarda de Europa”
O compositor aragonés Antón García Abril foi o encargado do relatorio inaugural cunha conferencia baixo o título “Mis encuentros con Galicia”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe o curso académico 2014-2015 da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), nun acto no que participaron Maximino Zumalave, o alcalde Agustín Hernández, a vicerreitora de Cultura da USC Mª Dolores Álvarez, e Antón García Abril. Precisamente o compositor aragonés foi o encargado do relatorio inaugural cunha conferencia baixo o título “Mis encuentros con Galicia”.
Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, salientou que a Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago sitúase “na vangarda do ensino da música en Europa” polo que moitos dos seus instrumentalistas “saen con destino a importantes formacións de todo o mundo, ou para desenvolveren as súas carreiras individuais, co selo de calidade desta institución emblemática para Galicia”, engadiu.
Vázquez Abad subliñou tamén a capacidade deste centro de conciliar o feito de ser “unha escola de excelencia” dirixida aos intérpretes novos en formación co de ser un escaparate para a difusión da música de tradición clásica. Así mesmo lembrou que o traballo da Real Filharmonía de Galicia e o seu profesorado “constitúe o principal activo” para o futuro da EAEM. A este respecto mencionou tamén os cursos de Composición “que ven impartindo maxistralmente o mestre Antón García Abril desde hai máis de 15 anos”.
O conselleiro aproveitou para expresar os seus parabéns tanto aos equipos directivos e aos equipos docentes que conseguiron acadar para o EAEM “un nivel recoñecible polas miradas máis expertas”. Así mesmo comprometeuse a seguir apoiando proxectos e entidades que, como a EAEM “avalan o noso selo de calidade, como cultura e como sociedade no mundo que habitamos”.
O acto, ao que tamén asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, rematou cun pequeno concerto ofrecido polo grupo de cámara de vento do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro.