O sistema educativo galego álzase con tres dos premios nacionais outorgados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte
No apartado de centros resultaron galardoados o CEIP Vales Vilamarín de Betanzos e o Plurilingüe A Pedra de Bueu; mentres que no apartado de equipos docentes resultou premiado un proxecto conxunto do IES Daviña Rey de Monforte e o CPI Suárez Marquier do Rosal sobre TICs
O Vales Vilamarín gañou o Premio Nacional á Inclusión do Alumnado con Necesidades Educativas Especiais por un proxecto baseado na atención á diversidade
O CEIP Plurilingüe A Pedra obtivo o Premio Nacional de competencia de Lectoescritura e Audiovisuais, o que reforza a aposta da Consellería pola lectura e as bibliotecas escolares con plans específicos coma o LÍA
A Consellería de Cultura e Educación, que dirixe Xesús Vázquez Abad, expresou os seus parabéns por estes Premios Nacionais de Educación que son un recoñecemento ao traballo tanto de profesores como de alumnos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que dirixe Xesús Vázquez Abad, felicita ao CEIP Vales Vilamarín, de Betanzos, e ao CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu, por alzarse cos Premios Nacionais de Educación 2014, xunto con outros trece de toda España no apartado de centros docentes. Así mesmo, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, estendeu os seus parabéns aos equipos docentes do IES Daviña Rey, de Monforte, e ao CPI Suárez Marquier, do Rosal, que conseguiron o galardón para proxectos conxuntos na modalidade de equipos docentes.
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, convoca cada ano estes premios co obxectivo de recoñecer proxectos concretos tanto de centros como de equipos docentes na ensinanza non universitaria. Nesta edición, cada un dos galardóns está dotado con 10.000 euros.
Atención á Diversidade
No que atinxe a centros, nesta edición foron galardoados un total de 15 centros, incluídos os dous galegos. Así, o CEIP Francisco Vales Vilamarín, de Betanzos, alzouse co Premio Nacional á Inclusión do Alumnado con Necesidades Educativas Especiais, cun proxecto titulado “Atención á Diversidade á través da Sensibilización e a Formación Permanente ¿Seguimos ou Prantamos?. Con este galardón prémiase un traballo de máis de tres anos traballando nun proxecto baseado na sensibilización e formación sobre a atención á diversidade para toda a comunidade educativo e enfocado a construír unha escola pensada en e para todos.
Competencias de Lectoescritura
Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu, obtivo o Premio Nacional de Educación ao Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais cun proxecto que leva por título “Expresámonos a través de distintas linguaxes”. Este recoñecemento abala tamén os esforzos desenvolvidos en torno á lectura e as bibliotecas escolares a través de diferentes iniciativas impulsadas pola Consellería de Educación no marco do Plan LÍA 2010-2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe.
Proxectos conxuntos por parte de equipos docentes
Así mesmo, no apartado de equipos docentes, alzáronse co Premio Nacional na modalidade de Colaboración Nacional no ámbito das TIC en Secundaria o proxecto conxunto baixo o título “Monte sen lume”, que presentaron de xeito conxunto o IES Daviña Rey de Monforte e o CPI Suárez Marquier do Rosal. É dicir, que neste caso, Galicia acaparou o cen por cento destes galardóns nesta modalidade.
Neste caso, o Ministerio valora aqueles proxectos educativos e recursos vinculados ás Tecnoloxías da Información e Comunicación para a súa aplicación á actividade docente.