O conselleiro de Cultura e Educación visita os CEIP A Doblada e Mestres Goldar na cidade de Vigo

Vázquez Abad felicitou ao primeiro dos centros polo seu gran labor en prol da educación inclusiva e da integración das TIC

Ademais, tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o importante traballo que desenvolve o Mestres Goldar na súa biblioteca escolar

Mér, 19/11/2014 - 13:17
 O conselleiro de Cultura e Educación visita os CEIP A Doblada e Mestres Goldar
O conselleiro de Cultura e Educación visita os CEIP A Doblada e Mestres Goldar na cidade de Vigo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá os CEIP A Doblada e Mestres Goldar, ambos os dous na cidade da de Vigo, no marco da rolda de contactos que mantén habitualmente coas diferentes comunidades educativas, co fin de coñecer de primeira man as súas demandas e suxestións. No primeiro dos dous centros o conselleiro felicitou ao equipo directivo – dirixido por Tamara Pereira- polo gran labor que está a desenvolver xunto cos docentes en prol da integración e da educación inclusiva. A vontade participativa do CEIP A Doblada queda ademais de manifesto coa súa implicación no proxecto Abalar, do que forman parte desde o seu primeiro curso de funcionamento. Pola súa banda a Consellería ten investido 75.500 euros tanto na implantación deste programa de integración das TIC como en diferentes melloras e achegas á biblioteca escolar. Así mesmo, o conselleiro quixo felicitar a este CEIP polo premio obtido no I Concurso de vídeo-creación para centros de ensinanza, polo traballo ‘En galego meu mundo é’.

Na súa visita ao CEIP Mestres Goldar (Vigo) o titular do departamento educativo da Xunta deu tamén os parabéns ao equipo directivo e docentes polo galardón obtido no concurso de traballos por proxectos nas bibliotecas escolares convocado por primeira vez o pasado mes de marzo pola Consellería. Durante o seu percorrido polo CEIP Vázquez Abad estivo acompañado pola directora, Mª Belén Alejano Monge, e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

Xesús Vázquez quixo salientar o gran traballo que desenvolven profesorado e alumnado na biblioteca escolar, que leva 8 cursos participando no Plan de Mellora (PLAMBE) polo que teñen acadado o devandito recoñecemento. “Trátase dun centro moi comprometido neste sentido, motivo polo que a Consellería está a responder debidamente ás súas peticións, con achegas puntuais para a mellora do equipamento e fondos da biblioteca”. De feito, tal e como sinalou o conselleiro, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten investido máis de 68.000 euros nos últimos anos neste centro, “tanto para a mellora dos programas de fomento da lectura como para diferentes reformas nas instalacións do ximnasio e nos aseos, e para a instalación dunha aula dixital”, puntualizou.

O certame

O CEIP Mestres Goldar obtivo un premio no concurso na modalidade de proxectos documentais integrados coordinados desde a biblioteca escolar, en concreto polo traballo denominado “A alimentación”. Ao abeiro do mesmo, alumnado e profesorado realizaron debuxos, fichas decoradas de investigación sobre alimentos, ou completos cadernos con información sobre alimentación e deporte, entre outras tarefas.

O obxectivo deste certame é estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de iniciativas de carácter interdisciplinar ou de investigación nas bibliotecas. O concurso enmárcase no Plan LÍA 2010-2015 (Lectura, Información, Aprendizaxe), que ten entre os seus obxectivos xerais favorecer a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, contribuír ao éxito escolar e incentivar o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas. O Plan tamén persegue promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas. De feito, unha das liñas estratéxicas do plan é a de ampliar a visibilidade de boas prácticas que se estean a levar a cabo nos centros educativos a través das bibliotecas escolares, e que están a ter un papel fundamental para a adquisición da competencia informacional por parte do alumnado, así como para o tratamento transversal dos contidos do currículo escolar e un enfoque interdisciplinar en proxectos e actividades.