Xesús Vázquez Abad presenta ‘Avanzar en mi independencia’, o novo libro do psicólogo Tomás Castillo
O acto foi promovido pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e presentado na Biblioteca da Cidade da Cultura
O conselleiro cualificou de “extraordinario” o texto e afirmou que se trata dun traballo realizado “desde a sabedoría e a confianza nun mundo diferente e acolledor”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta tarde no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia ‘Avanzar en mi INdependencia’, o traballo máis recente do psicólogo Tomás Castillo, nun acto organizado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. O titular de Educación cualificou o estudo de “extraordinario” e explicou que se trata dunha obra realizada “desde a sabedoría e a confianza nun mundo diferente e acolledor, así como desde unha extraordinaria sensibilidade respecto das persoas e o seu dereito a unha vida plena.”
O estudo que se presentou hoxe está dedicado á busca das nosas capacidades para desenvolver a propia autonomía, de facer e decidir por un mesmo. O traballo recolle abondosos testemuños nos que persoas con distintas limitacións, pero correctamente apoiadas, expoñen a súa experiencia vital de crecemento, empoderamento e adquisición progresiva de independencia.
Atención á diversidade
O conselleiro compartiu este acto de presentación, ademais de co propio autor, Tomás Castillo, coa presidenta da asociación cántabra AMICA, Sagrario Cagigas; co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; e coa presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO), Ana Balboa.
Na súa intervención, Vázquez Abad recordou que “a través do decreto 229/2011, desde a Xunta de Galicia tense regulado a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da nosa comunidade, promovendo a colaboración coas entidades que, como COGAMI, teñen como obxectivo atender a esa diversidade.” E expuxo que “mediante os Plans de formación permanente destinados á actualización e ao perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado que se están a implantar en centros educativos públicos durante este curso priorizanse as liñas de traballo de Atención á diversidade e os cambios metodolóxicos asociados e de Convivencia escolar, clima da aula e relacións coas familias.”
Un referente no eido da discapacidade
O psicólogo Tomás Castillo leva dedicado toda a súa vida profesional á promoción de proxectos para a discapacidade ou de apoio aos pacientes con enfermidades raras. Dirixiu entidades como AMICA e a Federación Española de Fibrosis Quística, que actualmente preside. Foi tamén consultor experto na elaboración da Clasificación Internacional do Funcionamento, a Discapacidade e a Saúde (CIF) da Organización Mundial da Saúde; e formou parte do Grupo de expertos de calidade de vida do IMSERSO.
Baixo a súa dirección, a Asociación AMICA obtivo o premio Helios da Unión Europea (1990) e o premio IMSERSO á Integración laboral (1995); foi seleccionada pola Presidencia inglesa da UE entre as entidades exemplo de boas prácticas (2005); e recibiu o premio Mapfre á Innovación en medidas de superación da discapacidade (2006). Así mesmo, desde 2008, AMICA conta co selo +400 EFQM, segundo o modelo de excelencia europea. Precisamente, este ano estanse a celebrar trinta anos de traxectoria desta asociación e o conselleiro lembrou esta efeméride e felicitou á asociación “polas tres décadas de existencia ‘descubrindo capacidades’ no seo da sociedade cántabra.”