Cultura e Educación reúne a máis de 200 docentes na xornada para os coordinadores de formación permanente en centros
O obxectivo do encontro é facilitar a tarefa das persoas encargadas de coordinar aos docentes sobre as accións contempladas nos Plans de Formación do Profesorado nos centros
O director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira, inaugurou o encontro, que ten lugar na Egap
Subliñou a importancia de que o profesorado poida aplicar nas aulas a formación recibida sobre novas metodoloxías de traballo e novas formas de organización escolar
A día de hoxe máis de 8.000 docentes participan nalgunha das modalidades de formación en centros, ben a través de Plans, ou ben mediante grupos de traballo ou seminarios que eles mesmos propoñen
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe a máis de 200 docentes na xornada para coordinadores de formación en centros educativos que se celebra na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e que están organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, foi o encargado de inaugurar a xornada, que se configura como un intercambio de experiencias e reflexións sobre a implantación destes Plans de Formación do Profesorado nos centros. Precisamente o obxectivo da xornada é facilitar a tarefa das persoas encargadas de coordinar aos docentes sobre as accións contempladas nestes Plans.
A día de hoxe un total de 262 centros realizan proxectos de formación en centros e máis de 8.000 profesores participan nalgunha das modalidades de este tipo de formación, ben a través de Proxectos de formación (preto de 5.000), ou a través de grupos de traballo ou seminarios que eles mesmos propoñen.
Na súa intervención o director xeral de Educación subliñou a importancia destes Plans de Formación e destacou que os profesores poidan aplicar na aula a formación recibida. “Novas metodoloxías de traballo, novas formas de organización escolar e unha profunda reflexión profesional repercutirán en que o alumnado se encamiñe positivamente cara ao éxito nas súas potencialidades académicas e contribúa ao axeitado desenvolvemento das súas competencias”.
Manuel Corredoira destacou así mesmo que este tipo de iniciativas teñen por obxecto que os centros escolares se configuren como “espazos de aprendizaxe e desenvolvemento profesional, mediante unha cultura de colaboración”. Para iso, explicou o director xeral, a Consellería de Cultura e Educación conta cunha rede de formación especializada e coa figura do Coordinador de formación en centros “que é a peza clave e nexo de unión entre as necesidades sentidas dos centros educativos e os deseños efectivos das actividades de formación”. Manuel Corredoira aproveitou a súa intervención para agradecer o esforzo, o compromiso e a implicación dos profesionais educativos na mellora da súa formación.
Plans Específicos de Formación en Centros
Trátase de plans específicos de formación permanente que, partindo dunha avaliación das necesidades do centro, permiten deseñar accións formativas destinadas á actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares. Estas actuacións articúlanse arredor de diferentes liñas de traballo, como son a mellora da competencia en lectura e escritura (impresa e dixital) e da competencia lingüística do profesorado en linguas estranxeiras, a integración didáctica das TIC no ensino, a atención á diversidade e ao éxito escolar, a mellora da convivencia escolar e do clima de aula, así como a formación dos docentes en competencias científicas e didácticas nas diferentes áreas do currículo.
A través destas accións favorécese que o profesorado teña ferramentas para promover a innovación metodolóxica, e para reflexionar sobre a práctica educativa e avaliala, co fin de acadar un ensino da máxima calidade. Así mesmo, búscase fomentar entre o alumnado valores básicos para o desenvolvemento persoal e as relacións sociais.