A Consellería de Cultura e Educación comprometese co concello de Friol a conservar e promocionar o seu tramo do Camiño Norte

O conselleiro tivo en conta as demandas do rexedor Antonio Muíña

Sáb, 15/11/2014 - 11:17
A Consellería de Cultura e Educación comprometese co concello de Friol a conserv
A Consellería de Cultura e Educación comprometese co concello de Friol a conservar e promocionar o seu tramo do Camiño Norte

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprometeuse co alcalde de Friol, Antonio Muíña Pena a emprender diferentes accións de conservación e promoción do Camiño Norte, ao seu paso polo tramo friolense e a planificar os investimentos que, dentro do marco orzamentario, sexan precisos. En principio impulsarase a sinalización correspondente, sobre todo na bifurcación entre o tramo antigo de Friol e o que discorre paralelamente máis ao norte. Tamén se contemplarán medidas conxuntas entre a consellería e o concello, encamiñadas á difusión do tramo, e accións de infraestruturas de apoio ao camiño e de posta en valor de elementos culturais do concello que se concretarán en vindeiras reunións nas que participarán outros departamentos con competencias na materia.

Cómpre salientar que a consellería tivo en conta as demandas do rexedor de Friol quen, despois de que inicialmente se barallaran modificacións no devandito tramo do Camiño Norte, polas cales o tramo friolense quedaba anulado, desprazándose mais ó norte, e froito de intensas xestións co propio Conselleiro, viu atendidas ás súas peticións, polas cales foi realizado un novo estudo que veu recoñecer o vello trazado do tramo friolense. Este atravesa, ao longo duns vinte quilómetros, as parroquias de Seixón, Miraz, Anxeriz, Anafreita, Nodar e Silvela. Este trazado, que se percorre dende hai 24 anos, chega de Begonte a Seixón, e despois de pasar por Guitiriz discorre por terras friolenses ata o municipio coruñés de Sobrado dos Monxes.

Ao considerar o concello de Friol que a coexistencia co novo trazado vai causar prexuízos ao vello tramo, o alcalde solicitou unha entrevista co  conselleiro para demandar un “esforzo compensatorio” ao que finalmente se chegou trala xuntanza celebrada no día de hoxe.