Cultura e Educación avanza que se está a traballar nun plan de infraestruturas educativas para o período 2015-2020
O Secretario Xeral Técnico da Consellería, Jesús Oitavén, lembrou no Parlamento que o departamento educativo da Xunta leva investidos preto de 135 millóns de euros en obras construción, de reparación, mellora ou ampliación de centros docentes nos últimos cinco anos e medio
Subliñou a importancia da planificación das obras para garantir unha boa xestión dos recursos
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, avanzou hoxe no Parlamento que o Plan de mellora das infraestruturas educativas 2015-2020 priorizará a construción de novos centros docentes naquelas zonas onde o aumento da poboación en idade escolar así o demande.
Segundo explicou Oitavén Barcala, este é un dos tres piares nos que se sustenta este instrumento estratéxico de planificación para os vindeiros anos, que terá en conta tamén as ampliacións de centros para adaptalos ás novas ensinanzas de formación profesional nos CIFP, xunto coa creación de novos aularios de infantil nas poboacións de maior crecemento demográfico.
A segunda das liñas deste Plan é avanzar na reforma e mellora dos centros educativos, pero aplicando criterios homoxeneizados en canto a aspectos concretos como son a seguridade, a funcionalidade a accesibilidade e a habitabilidade.
O terceiro piar desta planificación está vinculado á Estratexia Enerxética de Galicia 2015-2020 e inclúe a avaliación, estudo e actuación no aforro e eficiencia enerxética no que atinxe aos centros educativos. A este respecto, o secretario xeral técnico de Educación avanzou que xa se iniciaron as actuacións para elaborar un estudo de aforro enerxético nun edificio tipo dependente da Consellería. Este estudo, que comprende unha auditoría enerxética completa, permitirá extraer solucións a aplicar noutro tipo de centros das mesmas características.
Na súa intervención o secretario xeral técnico defendeu –fronte á práctica de gobernos anteriores– a necesaria planificación das obras nos centros escolares para acadar unha boa xestión dos recursos. Insistiu ademais en que, pese ás dificultades económicas dos últimos anos, a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de 135 millóns de euros nos últimos cinco anos e medio en obras de mellora ou de construción de novos centros educativos.
Desta contía total, preto de 66,7 millóns de euros destináronse exclusivamente a obras de reforma, ampliación e mellora de centros, é dicir, a razón de máis de 10 millóns de euros por ano. En nova construción, a cantidade investida acadou os 48,1 millóns de euros desde 2009 para atender a máis de 23 obras que xa foron entregadas polo actual Goberno da Xunta. Outros case 19,8 millóns de euros foron destinados a outras actuacións de mellora en centros educativos. Ademais, Jesús Oitavén lembrou que actualmente están en fase de licitación ou de execución obras por un importe superior a 26 millóns de euros.
Non obstante, o secretario xeral técnico subliñou que, ademais dos investimentos é moi importante seguir traballando na planificación, no estudo, na planificación e na incorporación de novas ferramentas de traballo. Por iso, os actuais responsables da Consellería constituíron nada máis chegar, en 2009, un grupo de traballo para elaborar unhas pautas obxectivas que permitiran deseñar e planificar actuacións segundo a súa necesidade ou urxencia.