Vázquez Abad inaugura nas Torres Hejduk unha intervención artística de Félix Fernández que convida a reflexionar sobre a inactividade e a toma de conciencia

O proxecto resultou gañador da II Convocatoria deste certame, ao que se podían presentar todos os participantes no IV Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’

A proposta, aberta ao público ata o 15 de febreiro, convida a dirixir a mirada sobre os puntos escuros da sociedade e reflexionar sobre as actitudes de inactividade do individuo á hora de mudalos

Ven, 14/11/2014 - 19:30
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia a intervención artística ‘Subtextos dun patrón de mantemento’ do galego Félix Fernández

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia a intervención artística ‘Subtextos dun patrón de mantemento’ do galego Félix Fernández, gañador da II Convocatoria de Intervencións Artísticas aberta a todos os participantes ao IV Encontro de Artistas Novos.

O conselleiro trasladoulle os seus parabéns ao artista e recoñeceu a traxectoria de quen describiu como unha referencia na escena da arte contemporánea en Galicia e España. “Subtextos dun patrón de mantemento convídanos a ollar cara aquelas zonas que non son precisamente as máis cómodas da sociedade, zonas con feridas e cicatrices non resoltas”, explicou Vázquez Abad. A instalación poderá visitarse ata o 15 de febreiro de 2015, en horario de luns a domingo e de 10 a 20 horas.

O titular de Cultura lembrou que as Torres Hedjuk foron pensadas para aloxar un xardín vertical no parque compostelán de Belvís e que agora están sendo ‘reinventadas’ como un espazo expositivo non convencional, lembrando que creadores como Pamen Pereira, Alejandra Sampedro, Ramón Conde ou Ana Soler teñen actuado tamén nelas. “A arte ten que estar aquí porque, cando a arte se instala aquí, como o fai esta noite grazas ao traballo de Félix Fernández, este espazo énchese de futuro”, destacou,

Á inauguración, que contou coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; a directora de Acción Cultural, María Pereira, asistiu tamén e o director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor, quen agradeceulle á Cidade da Cultura a aposta polo  Encontro de Artistas Novos, que este ano celebrou a súa cuarta edición e grazas ao que preto de 400 mozos de toda España puideron mostrar as súas creacións e compartir experiencias ao redor da arte contemporánea.

Subtextos dun patrón de mantemento 

Articulada en tres partes e cunha performance final, ‘Subtextos dun patrón de mantemento’ trasládalle ao espectador un proxecto dotado dunha gran riqueza conceptual no que Félix Fernández reivindica a necesidade de xerar conciencia sobre puntos escuros da sociedade como paso previo para a procura de solucións.

As Torres Hejduk transfórmanse, deste xeito, nun espazo que o artistas presenta como espello metafórico da súa visión da sociedade. A torre de cristal, envolta en fume, simboliza a tormenta interior e contrasta coa torre opaca, ocupada por monitores de seguridade –nos que se combinan imaxes en tempo real con outras en diferido creadas para o espectador- como alegoría do poder.

Reunindo esta dualidade, a figura dun home suspendido chamará a atención do visitante aludindo á inactividade ante a realidade que se desexa mudar. Coa combinación das tres intervencións, Félix Fernández fai visible simbolicamente o proceso de toma de conciencia. Este proxecto complementaranse cunha actuación performántica en directo o día da clausura, na que o propio Félix Fernández interactuará coas torres.

Talento emerxente da creación contemporánea

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, o galego Félix Fernández preséntase como un dos nomes emerxentes da creación contemporánea en España, artista multidisciplinar que emprega a videocreación e a performance para presentar o seu discurso artístico. A creatividade o ten feito merecedor de numerosos galardóns, como o Premio ‘Novos Medios’ do Festival Internacional de Cine de Ourense, o premio á mellor videocreación internacional do Festival Canarias Mediafest, o Premio ‘Estampa’ de creación artística da Casa de Vélazquez (Madrid), así como galardóns no Festival Lesgaicinemad 15, no certame de artes plásticas da Deputación de Ourense, no Visualsound Barcelona o concertame para artistas novos do Auditorio de Galicia en Santiago.