A Consellería, a través da Dirección Xeral de Educación, recibe de man de Expourense o premio ‘Líderes en calidade’ no eido educativo
Vázquez Abad anunciou durante a clausura da Xornada de exaltación da Calidade o proceso de certificación de dúas novas redes, a de Conservatorios e a de Escolas de arte e deseño
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou este mediodía no recinto feiral ourensán a Xornada de exaltación da Calidade que, co gallo da celebración do Día Mundial da Calidade, celebra Expourense. Na súa intervención, o titular de Educación anunciou que se ten comezado o proceso de certificación de dúas novas redes educativas, “unha que agrupará aos sete conservatorios profesionais de música e ao Conservatorio Superior de Danza dos que é titular a Consellería e unha segunda rede que acolle ás catro escolas de arte e superior de deseño.” “E axiña lles tocará a quenda ás Escolas Oficiais de Idiomas.”, dixo Vázquez Abad. O conselleiro estivo acompañado no acto polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira, e polo delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez.
Esta Xornada incluíu, entre outras actividades, a entrega dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores. Concretamente, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación Formación Profesional e Innovación Educativa, vén de recibir o Premio Líderes en Calidade no ámbito formativo/educativo.
No seu discurso Vázquez Abad agradeceu a Expourense o outorgamento dun premio “que recoñece a traxectoria en prol da calidade”, e explicou que entendía este galardón “como un pulo ao esforzo da Consellería que dirixo, que busca garantir que se cumpran os requisitos para levar a cabo unha actividade, na procura da mellora continua.”
“Con esa arela–explicou o conselleiro–,empezamos certificando a xestión, a través da propia dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Acadamos despois a certificación das redes, como a Rede de Formación do Profesorado –na que se inclúen o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os 7 CFR–; a Rede de Centros Integrados de FP, con 19 centros; así como a rede de centros certificados, que conta con 11 centros con certificación individual.”
Vázquez Abad concluíu a súa intervención expoñendo que a calidade supón “un compromiso coa cidadanía, un xeito de render contas con dúas finalidades principais: dunha banda a que se refire á transparencia e, doutra, a que atinxe á racionalización do uso dos recursos, tomando decisións tendo en conta o seu impacto social.”
A calidade como sinal de identidade do Premio
O xurado, integrado polos directores de AENOR e Serviguide, e polo Comité Executivo de Expourense, valorou a traxectoria de distintas empresas e institucións certificadas procedentes dos distintos sectores e decidiu que as empresas e institucións premiadas nesta edición co “Líderes en Calidade” foran Torre de Núñez, no sector agroalimentario; o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago: Unidade de Oncohematoloxía, no sociosanitario; a Dirección Xeral de Educación Formación Profesional e Innovación Educativa, no ámbito educativo e formativo; e a S.A. de Obras e Servizos, COPASA (Ourense), no eido da internacionalización. No mesmo marco, recibiu unha distinción especial á traxectoria profesional en Educación Ambiental o profesor Francisco José Pena Castiñeira.
Previamente, como parte do programa da Xornada de exaltación da Calidade, celebrouse ao longo da mañá unha mesa redonda “Paixón polo cliente. A enerxía que move os sistemas de calidade empresarial”, na que interviñeron o director xeral do Grupo HPS, o director territorial de AENOR e o director xerente de Expourense; e houbo unha presentación das experiencias en calidade na que participaron representantes das distintas entidades premiadas que expuxeron os programas de certificación nos seus centros, identificando as melloras que se teñen aportado á xestión do sistema.