Xesús Vázquez Abad anuncia un investimento de 344.000 euros na restauración e consolidación de cinco pontes históricas

O conselleiro de Cultura e Educación asinou hoxe os convenios cos respectivos alcaldes para executar as correspondentes obras na Ponte de Couso (Avión), na Ponte de Éntoma (O Barco de Valdeorras), na Ponte da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na Ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e na Ponte do Demo (Vila de Cruces-Silleda)

As obras, que están sufragadas na súa totalidade pola Consellería, levaranse a cabo ao longo do vindeiro ano 2015

Con estas actuacións a Xunta reafirma o seu compromiso co patrimonio histórico de Galicia

Mér, 12/11/2014 - 12:05
O conselleiro de Cultura e Educación asinou hoxe os convenios cos respectivos al
O conselleiro de Cultura e Educación asinou hoxe os convenios cos respectivos alcaldes para executar as correspondentes obras na Ponte de Couso (Avión), na Ponte de Éntoma (O Barco de Valdeorras), na Ponte da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na Ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e na Ponte do Demo (Vila de Cruces-Silleda)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá arredor duns 344.000 euros na restauración e consolidación de cinco pontes históricas nas provincias de Ourense e Pontevedra. As obras, que están sufragadas na súa totalidade polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad,  acometeranse ao longo de 2015.

Así o avanzou o conselleiro Vázquez Abad logo de firmar hoxeos respectivos acordos de colaboración cos alcaldes de Avión, Antonio Montero; do Barco de Valdeorras, Alfredo García; de Vilamartín de Valdeorras, María Jesús Candal; de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal; de Vila de Cruces, Jesús Otero; e de Silleda, Manuel Cuíña, para levar a cabo estas obras.

Deste xeito, a Consellería, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, iniciará o proceso para a salvagarda e conservación da Ponte de Couso (Avión), da Ponte Éntoma e o seu contorno (Barco de Valdeorras), da Ponte da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na Ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño), e na Ponte do Demo (Vila de Cruces - Silleda). Todas estas intervencións enmárcase dentro das actuacións sobre o patrimonio cultural que forma parte da obra civil de Galicia previsto para o vindeiro 2015.

Provincia de Ourense

Na provincia de Ourense, o departamento de Cultura acometerá obras de reparación e consolidación en tres pontes. Trátase da Ponte de Couso (Avión) onde o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ten previsto restaurar e recuperar a infraestrutura co obxecto de que non se perda a súa funcionalidade. A esta intervención de reparación e consolidación destina un investimento total de 79.225 euros. En concreto está previsto actuacións de reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río. 

Pola súa banda, acometerase a restauración da Ponte de Éntoma, no Barco de Valdeorras, que se dotará cun investimento duns 72.400 euros. As obras inclúen o desbroce das marxes e clareo de árbores de ribeira que danan a fábrica da ponte; a limpeza de vexetación, retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da mampostería, a demolición de pavimentos de formigón existentes, a execución de novo pavimento da calzada de esquisto de catou ou chapacuña sobre base de formigón de reparto de cargas; e a execución de novos peitorís en mampostería de lousa.

En Vilamartín de Valdeorras a Consellería procederá a rehabilitar a Ponte da Portela, á que se destinarán 20.300 euros. O obxecto destas obras é repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso, mellorar as condicións de acceso viario, desbroce, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Tamén se construirá unha protección para o estribo cun muro de escollera; eliminación de vexetación e brións nas xuntas da pedra; reconstrución dos peitorís e formación da capa de rodadura final. Neste caso o Concello encargouse da redacción do proxecto das mesmas.

Provincia de Pontevedra

En Pontevedra acometeranse obras na Ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e na Ponte do Demo (nos concellos de Vila de Cruces e de Silleda).

Na Ponte de Fillaboa, no concello de Salvaterra, a Consellería investirá en torno aos 117.000 euros en obras de consolidación e restauración. Para elo, como se recolle no proxecto elaborado para tal fin, procederase a consolidar e recalzar a cimentación da pila número 2. A actuación inclúe tamén a reparación do tamallar desta pila, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante.

Por último, na Ponte do Demo, en Carboeiro, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces, a Consellería investirá case 55.000 euros co obxectivo fundamental de repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar a súa estabilidade. A estes efectos encargouse un proxecto de Restauración do tímpano e muro de encanamento da ponte. A actuación a desenvolver pasa por repoñer os elementos de fábrica perdidos, construíndoos de xeito máis sólido. A tipoloxía da nova fábrica a empregar será similar á orixinal da ponte, aínda que se diferenciará pola cor, textura e aparello perseguindo a integración estética.

Todos estes traballos reforzan a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por manter o patrimonio histórico de Galicia, como é o caso destas pontes que agora serán obxecto dunha intervención específica. De feito, a contía total que a Consellería destinará á promoción e conservación do patrimonio cultural de Galicia, está previsto que supere os 18 millóns de euros logo de reprogramarse os fondos FEDER do programa operativo 07-13 e a súa incorporación ao exercicio 2015.