Vázquez Abad visita a Ponte de Fillaboa, en Salvaterra de Miño, na que Cultura e Educación inviste ao redor de 117.000 euros en obras de consolidación e restauración
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá a Ponte de Fillaboa no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, na que o departamento que dirixe vai investir ao redor de 117.000 euros para levar a cabo diversas obras de consolidación e restauración. Segundo explicou o conselleiro −tal como se recolle no proxecto elaborado para tal fin−, procederase a consolidar e recalzar a cimentación da pila número 2. A actuación inclúe tamén a reparación do tamallar desta pila, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante.
Precisamente, aproveitando a visita, o conselleiro de Cultura e Educación trasladoulle ao alcalde de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal, o compromiso de que nos vindeiros días “asinaremos un convenio que permitirá contratar estas obras que teñen como obxectivo reparar os danos da ponte que poden afectar a súa estabilidade”. Xesús Vázquez Abad cualificou de “sobresaínte” esta infraestrutura que está “intimamente vinculada á propia historia da vila de Salvaterra”, e de aí o compromiso do departamento que dirixe en iniciar “un proceso importante para a salvagarda e conservación desta ponte, patrimonio de Salvaterra do Miño, de Pontevedra e de Galicia”, concluíu.
Ademais do alcalde da localidade, na visita o conselleiro estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
Esta intervencións enmárcase dentro das actuacións sobre o patrimonio cultural que forma parte da obra civil de Galicia previsto para o vindeiro 2015. Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación dispón dun plan de intervencións en pontes históricas de toda a comunidade, nas que investirá preto de 400.000 euros ao longo do vindeiro ano 2015.
Promoción e conservación do Patrimonio galego
Doutra banda, a contía total que a Consellería destinará á promoción e conservación do patrimonio cultural de Galicia, está previsto que supere os 18 millóns de euros logo de reprogramarse os fondos FEDER do programa operativo 07-13 e a súa incorporación ao exercicio 2015.
Así, ademais das intervencións mencionadas poderán financiarse, entre outros, a restauración da igrexa de San Pedro de Soandres, na Laracha; da igrexa de Santa María das Areas en Fisterra; da Igrexa de San Salvador en Sarria, así como a Ermida da Nosa Señora das Pías en Sobrado dos Monxes.
Tamén levaranse a cabo obras de reconstrución na fachada e na cuberta do conxunto de San Paio de Diomondi, no Saviñao; e o acondicionamento do patio na Catedral de San Martiño de Ourense. E serán acometidas obras de acondicionamento do contorno da Porta Miñá na Muralla Romana de Lugo e a intervención na reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia.