O conselleiro de Cultura e Educación entregou os premios do III Campionato Galego de Formación Profesional, ‘GaliciaSkills 2014’
Vázquez Abad destacou na súa intervención a importancia “das empresas colaboradoras xa que a súa presenza e apoio poñen en valor a calidade e o atractivo das ensinanzas en formación profesional que se imparten nos centros da nosa comunidade autónoma”.
É un torneo eminente práctico que consiste no desenvolvemento de 14 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional que se imparten en Galicia
O titular de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo secretario xeral da consellería, Jesús Oitavén, o director xeral de Educación, Manuel Corredoira e a subdirectora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez Fernández, entregou hoxe os galardóns da III convocatoria do Campionato Galego de Formación Profesional, ‘Galiciaskills 2014’, tras o éxito acado nos campionatos estatais do ano 2011 e 2013, onde se conseguiron dez de once medallas, respectivamente. Este certame pretende darlle unha maior proxección e difusión á formación profesional que se imparte na nosa comunidade. É un campionato eminentemente práctico que consiste no desenvolvemento de 14 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional que se imparten en Galicia.
A convocatoria actual contou coa inscrición de 31 centros, dos que colaboraron entre 4 e 8 alumnos, cun total de 67 estudantes, dirixidos por 64 titores e 14 expertos que se encargaron da organización. A edición deste ano, que constará con dous premios por competición, terá o patrocinio de varias empresas para as skills. A persoa gañadora do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada de Formación Profesional xunto cos xefes e as xefas de equipo (profesorado titor), no SpainSkills 2015, que se celebrará en Madrid.
Por outra banda o alumnado que cooperou, recibiu un diploma acreditativo de ter participado en GaliciaSkills 2014. Mentres que o profesorado que axudou (profesorado experto e titor) recibiu a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa GaliciaSkills 2014, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado. Os campións galegos das distintas skills acudirán no mes de Abril á competición nacional. A administración farase cargo da estadía e os gastos derivados deste certame.
O conselleiro sinalou na súa intervención que “xa as vellas escolas de Artes e Oficios, as Elementais de Comercio, e as Escolas de Artes e Industriais da nosa terra premiaban, a finais do século XIX, aos alumnos máis destacados”. Vázquez Abad engadiu que “estas institucións educativas recoñecían a súa valía e, nun acto similar ao que hoxe nos reúne, entregaban as correspondentes distincións”
Tras o seu relatorio felicitou aos alumnos gañadores, ás familias, os docentes e as empresas colaboradoras” O titular do departamento educativo rematou salientando que “a súa presenza e apoio poñen en valor a calidade e o atractivo das ensinanzas en formación profesional que se imparten nos centros da nosa comunidade autónoma”.
Requisitos da convocatoria
Os centros que se puideron presentar a un ou a unha competidora por skill, coa excepción do de “Xardinería paisaxística”, no que puideron participar dúas persoas por centro. Outro dos requisitos é que os alumnos, cunha idade máxima de 21 anos durante o 2014, que estiveran matriculados en ciclos formativos que quixeran concorrer de forma voluntaria. Os participantes estiveron acompañados por un docente, que actuou como titor, e se encargou da súa formación. Por outra banda foi necesario un compromiso por parte do centro e do titor para a preparación do alumno no campionato estatal de formación profesional ‘SpainSkills’, que terá lugar en Madrid no ano 2015.
Gañadores da presente edición
Na categoría de Soldadura, Ignacio Bárbara Pena, do CIFP Someso, acadou a medalla ouro; mentres que Javier Paz Santamaría, do IES Marco de Camballón, levou a de prata.
En Reparación de Carrocerías, Edgar Veres Couto, do IES As Mariñas, foi o gañador do primeiro galardón. Pola súa banda Ángel Balado Tarrío, do CIFP Politécnico de Santiago, acadou a segunda praza.
Miguel García López, do IES Fermín Bouza Brey e Álvaro Parga González, alumno do IES Urbano Lugrís, acadaron o primeiro e segundo premio respectivamente,
Do ciclo de ebanistería, Juan Pablo Bellón Villar, do IES Ortigueira, se lle outorgou o ouro, e a Bruno Cortés Vidal, do CIFP A Xunqueira, logrou a de prata.
En Carpintaría, Lidia Doce Ríos, do IES Ortigueira, accedeu á máxima categoría e Ramón Moreira Temprana, do CIFP Politécnico de Santiago, obtivo a segunda clasificación.
Na formación en Peiteado, Andrea Rodríguez Díez, do IES de Teis, conseguiu quedar primeira na súa categoría, mentres que Tatiana Sequeiros Souto, do IES Frei Martín Sarmiento, adquiriu a segunda.
En tecnoloxía da moda, o ouro foi para Eva María Mantiñán do CIFP Paseo das Pontes e a prata para Sara Muíños Calvo do CIFP Manuel Antonio.
Na rama de Pastelería o alumno do IES Compostela, Francisco Jesús García Piñeiro e Victoria Suárez Bello do CIFP Carlos Oroza, foron os merecedores do primeiro e o segundo galardón, respectivamente.
No apartado de tecnoloxía do automóbil, Adrián Rico Casal (IES As Mariñas) e Cristian Álvarez Liste (CIFP Politécnico de Santiago), obtiveron o primeiro e o segundo premio.
No módulo de Cociña o alumno do IES Vilamarín, Víctor José Reza Sánchez, foi recoñecido como o vencedor, a súa vez que Nuria Limeres Trigo (CIFP), Carlos Oroza, quedou en segundo lugar.
No módulo de servizo de restaurante e bar, os triunfadores foron Gabriel Vilar Longarela (CIFP Compostela), co ouro, e Ana Rodríguez Basteiro (CIFP Carlos Oroza), coa prata.
Na especialidade de pintura de vehículos, Pablo Lata Mosquera (CIFP Ferrolterra) e Santiago Vidal Filgueira (IES As Mariñas), alzáronse coa primeira e a segunda distinción, respectivamente.
En Administración de sistemas en rede, Alejandro Miño Pico (CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro), apropiouse do ouro e David Prieto López (IES A Pinguela) da prata.
Para rematar, en Deseño Gráfico, David Barreira Vázquez e Natalia Codesido Rey, ambos os dous do IES Leixa, lograron, por esa orde, os premios de ouro e prata.