Xesús Vázquez Abad destaca o impacto do Womex na proxección da música galega, con máis de 400 reunións de artistas e produtoras galegas con profesionais internacionais
O conselleiro subliñou as oportunidades para a música galega que, grazas a esta feira, se abriron en países e rexións como Estados Unidos, Reino Unido, Iberoamérica, Israel ou Francia
Vázquez sinalou que o Womex deixou en Galicia un beneficio próximo aos 3 millóns de euros e supuxo a creación de 400 empregos para a produción deste, ademais de xerar unha valiosa proxección exterior
O titular de Cultura chamou a atención sobre as posibilidades da Cidade da Cultura como espazo para acoller eventos internacionais desta dimensión despois do bo funcionamento desta feira no Gaiás
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou esta mañá en rolda de prensa o “extraordinario impacto do Womex na proxección da música galega no exterior”, cun balance de 400 reunións de artistas e produtoras galegas con profesionais internacionais, abríndose oportunidades en mercados tan interesantes como Estados Unidos, Reino Unido, Iberoamérica, Israel ou Francia.
Vázquez Abad destacou que o Womex deixou beneficios en Galicia por valor de preto de 3 millóns de euros e lembrou que, segundo os datos aportados pola organización, esta feira congregou a 2.400 delegados, un 6,6 por cento máis que na edición anterior, e a 1.470 empresas procedentes dun cento de países diferentes, o que supón un incremento dun 16,66% respecto da feira de 2013 en Cardiff. O titular de Cultura explicou tamén que este evento “repercutiu na incorporación de 400 postos de traballo −250 directos e 150 indirectos−para a produción do evento.”
Proba do éxito de afluencia foi, segundo manifestou o conselleiro, que esta edición marcou un ‘record’ na historia de WOMEX en canto a número de stands en funcionamento: 668 exhibidores de 47 países diferentes. A estas cifras, engadiu que cómpre sumar a presenza de 200 xornalistas acreditados. Un número de profesionais da comunicación que dá unha idea do efecto da feira na proxección de Galicia fora das nosas fronteiras.
Na súa valoración ante os medios informativos, o conselleiro estivo acompañado pola concelleira de Cultura e Patrimonio de Santiago de Compostela, María Antón, quen manifestou tamén a súa enorme satisfacción co impacto do Womex na economía e na promoción da capital galega. Xunto a eles estiveron o representante da produtora Nordesía, Antonio Martínez, a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o director de Agadic, Jacobo Sutil.
Beneficios para empresas galegas
O conselleiro lembrou que a organización do WOMEX levouse a cabo con empresas locais, e implicou a contratación de 400 persoas, entre empregos directos e indirectos. De feito, nove de cada dez euros investidos na organización da que é feira de ‘world music’ mais importante do mundo tiveron como destino empresas e profesionais galegos.
En canto a presenza da música galega, Vázquez lembrou o éxito das actuacións de artistas como Davide Salvado, Uxía, Germán Díaz e de Mercedes Peón, Xabier Díaz e Xosé Manuel Budiño durante o concerto de apertura. “Todos eles fixeron que fora o Womex máis xenuinamente galego”, asegurou o conselleiro, felicitando a todos os artistas.
O conselleiro explicou que o apoio ás industrias e artistas galegos se levou a cabo desde o stand de GalicianTunes, no que operaron 21 empresas do sector, así como colectivos profesionais e que se converteu no “epicentro” das 400 reunións de traballo que se desenvolveron durante estes días.
De xeito complementario ao Womex, Vázquez Abad destacou os bos resultados do programa Focus Galicia, organizado por Agadic, e no que 29 programadores de 17 países tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade musical galega, iniciándose negociacións para a actuación de artistas galegos en Xapón, India, Brasil, Canadá, Marrocos, Irlanda ou Portugal.
Gaiás, espazo para feiras internacionais
Por outra banda, Vázquez manifestou o seu recoñecemento á directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, pola boa organización da feira profesional que tivo lugar no Museo Centro Gaiás. “A Cidade da Cultura demostrou non só garantir todo o que se precisa en canto a equipamentos e servizos, senón que a súa forza e beleza arquitectónica demostrou supor un plus enriquecedor para este tipo de feiras internacionais”, manifestou.
O conselleiro lembrou que o Gaiás enfrontaba un reto: acoller por vez primeira un evento que é o mais grande do mundo na súa categoría, e que o bo resultado e o feedback recibido da organización e dos participantes animan a valorar novas opcións de cara ao futuro. “Celebrar WOMEX neste entorno permitiu ofrecer ao mundo unha imaxe rotundamente contemporánea de Galicia”, sinalou.